O Concello de Ribadeo conta cun novo vehículo para a Policía Local. Trátase dun híbrido adquirido pola modalidade de renting a catro anos, coa axuda dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. Unha vez transcorrido ese tempo o Concello terá a opción de mercar ese coche.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que “é unha nova adquisición deste segundo vehículo para a Policía Local, dado que o outro todoterreo non deu máis de si xa hai uns meses”. Aproveitouse unha subvención da Xunta de Galicia do Fondo de Compensación Ambiental. Por iso se escolleu o vehículo híbrido, polo que a Xunta nos subvenciona unha parte do renting durante corenta e oito meses.
E engadiu: “despois o Concello decidirá adquirilo finalmente e entre as dúas administracións imos resolver esta carencia de elementos móbiles para a nosa Policía Local, para que poida seguir facendo o seu traballo tanto na vila como nas parroquias”.
Na presentación deste novo coche estiveron esta mañá, entre outros, o xefe da Policía Local e algúns axentes, así como os concelleiros de Economía, Medio Rural e Medio Ambiente, o rexedor e representantes da empresa na que foi adquirido o vehículo.