O Concello de Foz recupera o servizo de Policía Local en horario de tardes a partir deste venres. Anunciouno hoxe, martes, o alcalde, Fran Cajoto, quen destaca que isto “é esencial para o Concello, que contará cun mínimo de 2 axentes por quenda”.
O rexedor municipal explica que “o servizo de Policía Local en horario de tardes farase de forma continua salvo causas excepcionais”. Isto é posible grazas á incorporación definitiva de dous axentes que xa estiveron este verán e que remataron o seu período de prácticas. A partir deste venres, día 24 de decembro, Foz contará con servizo de Policía en horario de mañás e tardes.
Fran Cajoto engade que “respecto á relación de postos de traballo queda unicamente unha praza de Policía Local por cubrir, incluída na oferta de emprego público deste ano 2021 e que se incorporará á vindeira convocatoria da Axencia Galega de Seguridade Pública para selección de axentes, conforme ao convenio que asinou o Concello durante este mandato”. O alcalde de Foz pide a colaboración cidadá “co aumento de horas de presenza policial poderemos perseguir de forma máis efectiva as condutas incívicas”.