A corporación de Ribadeo ratificou un acordo para a sinatura dun convenio entre o Concello e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu), que se encargará de controlar os núcleos rurais.
A Aplu, que ten a misión da vixiancia urbanística en solo rústico, tamén o terá agora en solo rural.
Ribadeo conta con 99 núcleos rurais e máis de 100 quilómetros cadrados de superficie.
Así, expón o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, sinala que “hai que ter en conta que o concello de Ribadeo é grande en extensión e faise moi complicado que o persoal municipal poida estar controlando o territorio durante todo o tempo, en todos os sitios”.
Deste xeito, subliña Suárez Barcia, estas carencias “poden producir ás veces situacións discriminatorias”.
O rexedor argumenta que este organismo, que posúe “moitos máis medios ca nós, que ten policía urbanística e unha serie de técnicos profesionais especificamente destinados a iso, velará para que todo o mundo poda facer o que a lei lle faculte, pero non o que lle prohiba”.
EVITAR “DESFEITAS URBANÍSTICAS”
Suárez Barcia cre que o convenio evitará “problemas dos que despois nos lamentemos todos e nos tiremos dos pelos, sobre todo ao ver experiencias de concellos ben próximos a nós, no que a desfeita urbanística vai supoñer varias xeracións de persoas e de problemas para resolvela”.