Sindicatos advirten de que “vixiarán” o cumprimento do acordo asinado entre Alcoa e o comité de empresa tras a primeira reunión da comisión de seguimento do pacto que se celebrou este xoves no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.
A CIG advertiu que estará “vixiante” para que se cumpran os termos do acordo, “nomeadamente no referido ao calendario para o das series de electrólises canto antes”. Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na reunión, apuntou que este acordo se adopta “cunha total falta de confianza na multinacional, á vista das súas anteriores actuacións”.
Con este obxectivo, Carril solicitou que as reunións da comisión de seguimento se establezan cunha periodicidade maior á recollida no acordo, “pois a comunicación e a transparencia teñen que primar, especialmente cando se inicie a reactivación das cubas”. Carril criticou ademais que, “a pesar das reiteradas solicitudes do comité”, a multinacional non aclarase con que socios enerxéticos estaba a negociar.
“PUNTO DE INFLEXIÓN” PARA CCOO
Para Comisións Obreiras, o novo plan determina “o incio dunha etapa” que entenden como “punto de inflexión tras anos de incerteza e de loita do persoal”. “Agora toca estar máis atentos que nunca, non baixar a garda e espremer ao máximo a comisión paritaria de seguimento que conforman os representantes do persoal, a representación da empresa, o Goberno e a Xunta”, defenderon nun comunicado. Para o sindicato, o acordo alcanzado necesita dun “grao de seguimento exhaustivo” para “velar polo futuro de centenares de familias”, sexa na mesa de vixilancia, nos despachos institucionais “e nas rúas se fose necesario”.
ALCALDE DE FOZ
Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, tamén expresou este xoves a súa “desconfianza” de que Alcoa cumpra o acordo. Cajoto recoñeceu que é “unha situación ben complicada, ademais está no aire esa pesadumbre de aceptar a proposta de Alcoa porque existe desconfianza de que teña intención de volver” arrincar as cubas.
O alcalde de Foz puntualizou que “cos datos obxectivos que temos hai un aval bancario cunha factura económica que é o custo real de volver poñer en funcionamento as cubas”.
Para o seguimento da proposta de Alcoa, que contempla tamén investimentos por máis de 103 millóns de dólares, desliza que “o que temos que facer as administracións nesas reunións mensuais é que se vaian cumprindo os prazos”.
REYES MAROTO
A ministra de Industria, Reyes Maroto, mantivo un encontro co novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e con alcaldes e portavoces da comarca da Mariña luguesa, ante os que se comprometeu a que o acordo con Alcoa non quede en “papel mollado”.
En concreto, segundo destacou Maroto en declaracións aos xornalistas ao termo da reunión, na Praza do Obradoiro, trasladoulles que “as familias” da comarca “poden estar tranquilas” pois o Goberno central esixirá á multinacional do aluminio “que gañe a confianza dos traballadores”.
O Executivo márcase o obxectivo, neste sentido, de “converter o que hoxe é un papel en feitos” e “vai deixar a pel” niso, en palabras de Maroto. A Mariña “merece un futuro”, segundo a ministra, á que os alcaldes e portavoces socialistas pediron que “vele” polo cumprimento dos compromisos que fixa o acordo entre Alcoa e o comité.
GONZÁLEZ FORMOSO
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, afirmou compartir o “respecto absoluto” pola decisión dos traballadores, que esta semana avalaron en referendo asinar o acordo con Alcoa que implica dous anos de cesamento temporal da produción, co compromiso por parte da compañía de non executar despedimentos.
“O máis importante”, a xuízo do novo líder dos socialistas galegos, é “que a palabra dada se cumpra” e que o ministerio sexa “garantía” para que o acordo “non sexa papel mollado”.
Tamén o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, considerou que este é o “mellor acordo posible” pero chamou a estar “moi vixiantes”. Tomé remarcou que o organismo provincial “ofrécese para colaborar” co ánimo de conseguir “que o que se asinou cúmprase”.
BNG
O deputado do BNG no congreso, Néstor Rego, esixiu igualmente ás administracións públicas que “estean vixiantes para que Alcoa teña que cumprir estritamente todos os compromisos asinados”, tanto para a recuperación da plena actividade a partir do 2024 como para a realización dos investimentos previstos.
Ademais, Rego criticou que a actual ministra de Industria, Reyes Maroto, “veña agora a bendicir” o acordo asinado entre a multinacional e os traballadores, “cando o seu ministerio se negou a dar o paso da intervención pública temporal”. Isto, en palabras do deputado, levou os traballadores a ter que elixir entre “o malo e o peor”, e resaltou que o acordo “non é a mellor solución” pero que os traballadores entenderon que era a “solución posible” dado o “abandono por parte dos gobernos”.
Xa que, como expresou Rego, se o Goberno español e galego actuasen a tempo a través da intervención temporal de Alcola “agora habería unha solución mellor” na que habería un proxecto industrial que “garantise a continuidade da actividade na Mariña” e o mantemento “da totalidade dos postos de traballo”.