InicioEn ProfundidadeBernardo Penabade, Proxecto Neo: "Somos o resultado dun enfoque que é a...

Bernardo Penabade, Proxecto Neo: “Somos o resultado dun enfoque que é a pedagoxía comunicativa”

Bernardo Penabade é profesor no IES Perdouro de Burela. Hai dez anos comezaron as emisións de Proxecto Neo en Radio Burela, unha iniciativa que buscaba unha implicación directa de alumnado e profesorado dentro dun modelo de ensino comunicativo. A intención é traballar a intercomunicación en diversos niveis, alumando autóctono, inmigrante, profesorado e sociedade. Ademais diso, Proxecto Neo creou unha rede de intercambios con centros galegos, de Euskadi e mantén comunicación con diferentes lugares da lusofonía.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales foron os principais eixos que motivaron o nacemento de Proxecto Neo?

Proxecto Neo é unha intervención educativa, esa é a primeira base. É o resultado do enfoque dunha pedagoxía comunicativa.

-Que puntos fallaban para ver necesario aplicar esta iniciativa nas aulas?

O teatro, a radio ou os xornais escolares son iniciativas que permiten consolidar a aprendizaxe dunha maneira práctica. O ensino é moi teórico, abstracto e precisa de concretizacións. No caso da comunicación a radio é un medio ideal. Hai alumnos e alumnas que no ensino regrado, o dos libros de texto, teñen resultados mediocres. En cambio, nas aplicacións prácticas son alumnos e alumnas moi destacados. Da mesma maneira hai alumnos e alumnas moi destacados na formación teórica que non teñen boa adaptación para a vida e na práctica teñen déficits que superar. Un medio deste estilo, eminentemente práctico, pode chegar a todo tipo de alumnado e refírome a que non hai barreiras nin económicas nin de formación previa. Quero dicir que chega ao alumnado de todos os niveis económicos e tamén ao alumnado que doutra maneira estaría en risco de exclusión.

-Como se lle pode explicar a unha familia “tradicional” que unha experiencia como esta pode brindar oportunidades aos seus fillos?

Saír do tradicional sempre é complexo. Non só polas familias, tamén polo propio equipo docente como tamén polo propio alumnado. Por que? Porque supón romper unha inercia e romper con catecismos. Non chega con memorizar ou reproducir, hai que dar unha resposta activa. Entón, é certo que hai familias e sectores internos á educación, hai posturas pedagóxicas que descualifican estas iniciativas chamándoas “de folklore”. Unha persoa que descualifica algo chamándoa pexorativamente folklore, dá a entender o seu descoñecemento sobre o significado auténtico de “folklore” como “saber do pobo”. Estas persoas non entenden a escola como unha porta aberta para a vida. En todas as esferas da vida hai obstáculos e, por tanto, tamén é normal que para facer ensino comunicativo haxa obstáculos, xente que non o ve produtivo.

O ensino é moi teórico, abstracto e precisa de concretizacións. No caso da comunicación a radio é un medio ideal

-Detrás de Proxecto Neo hai unha vocación transfronteiriza. Podes explicar en que consiste ou como se materializa esta vocación?

O noso obxectivo prioritario é a intervención educativa tanto no alumnado autóctono como no alumnado vido doutros lugares. Atendendo a estes dous tipos de alumnado, desde o comezo estamos nun diálogo intercultural permanente. Eses son os nosos ingredientes básicos e o noso punto de partida. En función dese diálogo tamén nos comunicamos coas sociedades de partida, facemos diálogo desde as sociedades de acollida coas sociedades de partida. Agora mesmo temos contactos frecuentes co Brasil, concretamente coa cidade de São Paulo, onde se estuda a implantación dun modelo educativo semellante. Os nosos programas son reproducidos a través da Radio da Universidade do Minho, que transmite desde Braga. En Galicia tamén colaboramos coa Rede de Emisoras Municipais Galegas. Tamén colaboramos con CUAC FM e Radio Filispim que son emisoras comunitarias. Por último colaboramos con Radio Pessoas, unha radio de recente creación que transmite en varios países da lusofonía.

-Cales son as raíces intelectuais das que parte Proxecto Neo e a súa concepción do ensino?

Hai tres fontes de inspiración básicas. A primeira é o sociolingüista vasco José María Sánchez Carrión. Outra inspiración é o Colexio Fingoi de Lugo. Este colexio creou a iniciativa pedagóxica máis importante cunha escola con enfoque comunicativo durante o século XX. É un modelo universalista mais asentado na propia terra. A escola máis avanzada no sentido de aplicación práctica é o Colexio Fingoi. A terceira fonte é o Colexio Rosalía de Castro de Vigo, dirixido pola pedagoga Antía Cal, que levou adiante a primeira grande experiencia de plurilingüismo feita en Galicia nun colexio.

Non chega con memorizar ou reproducir, hai que dar unha resposta activa

-Proxecto Neo axuda á intermobilidade do alumnado, ao intercambio con outros lugares?

Temos colaboracións con moitos institutos galegos e tamén de Euskadi. A colaboración co exterior paralizouse coa pandemia. Tiñamos colaboración estable co instituto do Rosal, tiñamos colaboración co instituto de Baio e co de Vila de Cruces. Somos colaboradores da pedagoxía de Sechu Sende, de Manolo Maseda e do Enreguéifate. Agora temos colaboración co instituto do Milladoiro, onde están Manolo Maseda e Tina Formoso. Despois temos colaboracións puntuais con ducias de escolas e institutos.

O noso obxectivo prioritario é a intervención educativa tanto no alumnado autóctono como no alumnado vido doutros lugares

-Superada a pandemia, que proxecto vos gustaría retomar con máis forza?

Gustaríanos manter a estabilidade, cousa que non é fácil porque neste tipo de iniciativas hai que superar moitos obstáculos. O noso obxectivo non é crecer, o noso maior logro é sermos unha iniciativa pedagóxica de referencia porque logrou manterse con estabilidade nun sector onde a estabilidade é excepcional. Hai iniciativas moi boas que funcionan durante un ano ou dous, aínda que non se dan mantido no tempo porque o esforzo das persoas implicadas ten un límite. En moitos casos marchan as persoas e finalizan os proxectos. A nosa experiencia coa radio conseguiu manterse e superar todos eses obstáculos ao longo do tempo, chegando agora ao décimo aniversario. Dez anos en antena e trescentas corenta semanas en antena e uns mil programas

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...