O Concello de Foz está procedendo ao acondicionamento do paseo marítimo de Cangas na zona de Riosmar. Os traballos consisten na limpeza das marxes da senda e das obras de drenaxe, así como no perfilado e reforzo do firme do camiño coa extensión de grava.
O alcalde, Fran Cajoto, agradece á Deputación de Lugo e ao seu presidente, José Tomé, a colaboración co Concello de Foz e explica que “un equipo de terras da Deputación de Lugo, conformado por motoniveladora, camión e retrocargadora mixta, está a realizar os traballos de conservación e mantemento deste tramo do paseo marítimo de Cangas, unha zona moi concorrida e que utiliza un gran número de veciños para pasear a pé ou en bicicleta”.
Riosmar é o punto onde desemboca o río Alemparte no mar Cantábrico. “É unha zona espectacular, de gran beleza: dunha banda o río, que desemboca entre cantís e á sombra das árbores, e doutra o mar, que xoga cos cantos rodados da praia de Riosmar. Podemos salvar o río camiñando pola ponte de madeira e continuar o paseo ata o restaurante Selmira ou á cafetería do Centro Social”, destaca o alcalde, quen remata comentando que “o Concello de Foz continúa cos traballos de acondicionamento, moi demandados polos veciños e pola asociación veciñal San Pedro de Cangas, e lamenta as molestias causadas durante a execución destas obras de conservación e mantemento”.