O Concello acometerá obras de mellora na rúa Xusto Barreiro, no barrio de San Miguel e nos vieiros transversais desa zona. Darán comezo a vindeira semana e serán continuidade das realizadas hai uns meses. O investimento ascenderá a 48.000 euros procedentes de fondos propios. A concelleira de Obras, Mónica Freire, pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar.
A edil ribadense anunciou que “o Concello de Ribadeo vai realizar obras de mellora na rúa Xusto Barreiro e no barrio de San Miguel, incluíndo tamén as rúas transversais que conectan estas dúas zonas. Estas obras dan continuidade ás iniciadas, xa fai uns meses, na parte norte deste barrio de San Miguel e dan resposta á demanda da veciñanza para o acondicionamento desta zona da vila. É unha zona esquecida durante décadas e que quixemos agora poñer en valor co seu acondicionamento e coa súa humanización”.
Mónica Freire explicou que “nesta actuación imos executar a dotación dun novo pavimento de aglomerado asfáltico xunto coa reparación dos tramos de beirarrúa que están deteriorados, facendo especial fincapé na eliminación das barreiras arquitectónicas para mellorar a accesibilidade da veciñanza. Tamén procederemos ao pintado dos bordes e prazas de aparcamento, á sinalización horizontal e vertical e tamén á dotación de mobiliario urbano como bancos, papeleiras e árbores”.
A concelleira de Obras engadiu que “o investimento, que supón 48.300 euros de orzamento, é financiada integramente polo Concello de Ribadeo a través de fondos propios. O período máximo de execución será de dous meses e temos a previsión de que as obras comecen para a semana que ven. En conxunto, estas obras supoñen unha decidida aposta pola humanización e pola mellora desta área da nosa vila pensando tamén que é a zona de entrada do Camiño Norte a Ribadeo”. E lembrou que “como sempre que se levan a cabo obras no casco urbano poden supoñer incomodidades e molestias, fundamentalmente aos veciños, que serán temporais e que entendemos que saberán desculpar e entender porque ao final todo isto é para a mellora de todas e de todos”.
O alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Economía e Obras, Pablo Vizoso e Mónica Freire, visitaron hoxe as zonas nas que se acometerán as devanditas obras.