InicioM.ambiente e PatrimonioO encoro do Xistral, unha nova manobra especulativa a conta da Galicia...

O encoro do Xistral, unha nova manobra especulativa a conta da Galicia baleira?

O goberno galego sinala que “desde Galicia pedimos máxima colaboración por parte do resto de administracións (Goberno e concellos) e da empresa, pensando nos veciños e veciñas desta comarca para que teñan sobre a mesa toda a información sobre o proxecto”.

Publicada o

- Advertisement -

O vinte e seis de xaneiro de 2022 os concellos de Alfoz e O Valadouro recibían vía telemática o anteproxecto da presa hidroeléctrica “reversible” que Desarrollos del Malache quere construír no termo municipal do Valadouro. Este anteproxecto, aínda en período de alegacións, presenta dúas balsas inundables que afectarían ás parroquias de Frexulfe, Recaré e Vilacampa e tocaría partes do concello de Alfoz na parroquia de Lagoa. Outros concellos afectados de maneira tanxencial serían Cervo, Ourol e Xove. Os planos, as dimensións e os obxectivos de cara onde se vendería a electricidade producida, son elementos aínda sen determinar. Mesmo a empresa, Desarrollos del Malache, aparece ligada a Atalaya Generación, empresa situada en Zaragoza especializada en “implantación de renovables como fonte de enerxía”. Tras todo isto, e antes de finalizar os prazos de alegacións ante o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO), as posturas locais parecen ir en contra da nova estación hidroeléctrica.

 

Afectación da inundación do proxecto de presa no Valadouro (Andrés Armesto)

DATAS

O MITECO abriu o expediente telemático para presentar alegacións ao proxecto  Central hidroeléctrica reversible “Xistral” de 936 MWE, ubicada en los términos municipales de O Valadouro, Ourol, Alfoz, Cervo y Xove, provincia de Lugo. Nº de Expediente: 20210509. “As informacións chegaron vía MITECO a través da súa web, o día 14 tivemos unha reunión telemática os alcaldes de Alfoz e O Valadouro coa empresa e para o 16 de febreiro teremos unha reunión en Alfoz cos veciños”, apunta Jorge Val, alcalde de Alfoz.

“Soubemos disto no mesmo momento en que saíu na prensa, en paralelo cando chegou a información aos concellos afectados” di Daniel Castro, parlamentario do BNG. “Se tivesemos información non preguntariamos ao Goberno e á Xunta” sinala Antonio Veiga, tamén do BNG. “Os partidos políticos temos a mesma información, se me apuras, que teñen os concellos, moi pouca”.

“Soubémolo pola prensa e de momento non hai máis información” di Jacobo Geada do PP de Alfoz. “Si sabemos que os alcaldes do Valadouro e Alfoz tiveron unha reunión telemática coa empresa da que aínda non informaron, e o 16 de febreiro en Alfoz haberá unha reunión informativa” sinala Geada. Desde O Valadouro, o concello que se vería máis afectado, os populares sinalan que “pedimos un pleno informativo que está convocado para o 23 de febreiro, aí falarase do proxecto máis da reunión telemática do día 14 de febreiro”, apunta José Manuel Lamela, do PP do Valadouro.

Contactados tanto a empresa, Desarrollos del Malache como o MITECO, non houbo resposta. Si houbo por parte da Xunta de Galicia, en concreto da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía e Industria. Desde o departamento dirixido por Francisco Conde reiteran que se trata dun “anteproxecto presentado ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, encargado da súa tramitación, polo que agardamos que o Goberno central actúe coa máxima transparencia e implicación á hora de dar toda a información dispoñible”.

OBXECTIVOS E AFECTACIÓN

Actualmente descoñécese o destino dos 396 MWE  previstos por Desarrollos del Malache capaz de crear o proxecto. En realidade, o sistema de obtención desta enerxía sería mediante a creación de dúas balsas e dun sistema de turbinas soterradas para a xeración eléctrica. Segundo as fontes consultadas no PP do Valadouro, unha balsa estaría na parroquia de Frexulfe e ocuparía 48 hectáreas. A segunda balsa estaría na parroquia de Recaré ocupando 73 hectáreas. As turbinas estarían situadas na parroquia de Santo Tomé. Polo que atinxe a Alfoz, a parroquia afectada sería A Lagoa e non tocaría lugares habitados. Tampouco se tocarían vivendas en terreos do Valadouro.

“Sería unha central para almacenaxe de enerxía para vendela a quen interese e cando interese” sinala Daniel Castro. “A empresa sinala que a actividade comezaría en 2030, digo isto porque hai quen sinala a instalación da hidroeléctrica para fornecer de enerxía a Alcoa, que arrincaría as cubas en 2024”. Castro entende que por correlación de datas, sería imposible que o encoro levase enerxía en exclusiva para Alcoa segundo as datas programadas para o arranque de electrolise.

A tarxeta de presentación de Desarrollos del Malache son os postos de traballo. “Serían numerosos, mais só cando se estean construíndo” os muros e as demais infraestruturas, apunta Daniel Castro. “Non sabemos cantas persoas quedarán con postos fixos nesa central, hai quen apunta 10 traballadores e traballadoras” di José Manuel Lamela. Pola súa parte, o alcalde de Alfoz entende que unha obra como esta e as súas instalacións “deixan unha serie de canon e impostos que repercuten na economía municipal”.

A outra cara da moeda, a eliminación de postos de traballo se se constrúen as balsas, está ligada á posible desaparición de explotacións gandeiras “levadas adiante por xente nova, persoas que interesa ter no rural para asentar poboación”, sinala Daniel Castro. “Tamén afectaría a zonas de cultivo e na área de Vilacampa o afectado sería o gando de monte” di José Manuel Lamela.

No momento de pechar esta reportaxe estase pendente dunha reunión informativa o día 16 de febreiro ás 19:30 en Alfoz. As fontes consultadas non fan unha aposta en firme, mais non son poucas as voces que non lle ven saída ao proxecto, con todo, e como sinalan os concellos, as competencias están en mans da Xunta e do Estado. O goberno galego, pola súa parte acaba sinalando que “desde Galicia pedimos máxima colaboración por parte do resto de administracións (Goberno e concellos) e da empresa, pensando nos veciños e veciñas desta comarca para que teñan sobre a mesa toda a información sobre o proxecto”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...