O Concello de Cervo propón un cambio de horario ao GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) co obxectivo de ampliar as condicións de seguridade nas que desenvolven o seu traballo os profesionais que integran este servizo.
Nos días pasados convocouse un Comité Local de Seguridade e Saúde, e entre outros asuntos deuse resposta ás inquedanzas amosadas por unha agrupación de traballadores pertencentes ao departamento do GES de Cervo.
Despois de ter en consideración comunicacións desa agrupación, o Concello quere deixar claro que a seguridade dos traballadores non se ve, nin se veu comprometida en ningún momento, cumprindo coa normativa legal, incluso nos casos nos que se atopa un só membro traballando.
Co obxectivo de mellorar máis aínda a seguridade dos traballadores, o Concello de Cervo propón un cambio horario e así pasar das 24 horas seguidas actuais, a facer quendas de 8 horas.
Hai que recordar, que a diferencia dos bombeiros, o GES non só desempeña funcións que atinxen ás emerxencias, senón que tamén levan a cabo labores continuas de prevención, polo tanto cantas máis horas de traballo continuado efectúen máis fatiga implica para as súas condicións físicas e psíquicas.
Desde a administración municipal agardan que esta medida teña un efecto positivo tamén nas baixas laborais do departamento, posto que na actualidade todas as incapacidades agregadas, equivalen a dous traballadores de baixa durante todo o ano.
Con esta proposta de cambio de horario o Concello de Cervo conseguirá, ademais, mellorar a cobertura laboral con dúas persoas por quenda, a pesar das baixas laborais que sofre o departamento.
Nestes momentos o convenio vixente do GES data do ano 2017 posto que a Deputación de Lugo rexeitou a última proposta feita pola Xunta de Galicia, que si se aprobou noutra provincias e que contaba co visto bo da FEGAMP e os GES lucenses, na que se buscaba dotar a este servizo dunha mellora económica considerable.
O alcalde, Alfonso Villares, declarou que “facemos esta proposición de redución de horas nas quendas de traballo co obxectivo de proporcionarlle máis seguridade aos traballadores, posto que a maior número de horas seguidas traballadas, as súas condicións físicas e psíquicas vense reducidas”.
“En referencia á bolsa de traballo proposta pola agrupación, quero recordar que foi a Deputación de Lugo quen declinou a sinatura dun convenio coa Xunta, a FEGAMP e os GES da provincia, no que se propoñía unha mellora económica coa que se podería facer fronte a dita bolsa”.