InicioCentralMondoñedoO BNG de Mondoñedo pide ao Concello que defenda o Castro da...

O BNG de Mondoñedo pide ao Concello que defenda o Castro da Trinidade dunha posible desaparición

O voceiro do BNG no concello Mindoniense, Eloi Cabanas, apunta que Canteras Santa Cecilia S.L no ano 2020 interpuxo contencioso-administrativo fronte ao concello de Mondoñedo na que pedía a exclusión do castro do catálogo de bens culturais do PXOM.

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Mondoñedo emitiu este martes un comunicado logo da sesión plenaria do Concello celebrada este pasado venres 25 de febreiro. Así, sinalan que ante a sentenza ditada polo xulgado do contencioso-administrativo nº1 de Lugo “na cal se condena ao concello a realizar todo o necesario para excluír do catálogo de elementos culturais do PXOM de Mondoñedo o Castro da Trinidade”, o BNG pediulle ao goberno municipal que interpoña recurso de apelación contra a resolución da sentenza. Os nacionalistas piden ademais defender o patrimonio arqueolóxico local fronte a empresa mineira que opera no lugar.

O voceiro do BNG no concello Mindoniense, Eloi Cabanas, apunta que Canteras Santa Cecilia S.L no ano 2020 interpuxo contencioso-administrativo fronte ao concello de Mondoñedo na que pedía a exclusión do castro do catálogo de bens culturais do PXOM. A sentenza dálle a razón á demandante e o concello ten agora de prazo ata o 11 de marzo para interpoñer recurso de apelación.

Elena Candia, en resposta a pregunta do concelleiro do BNG na que se interesaba polos pasos que ía dar agora o concello ante esta situación, contestou que descoñecía os termos da sentenza e que cumprirían co recomendado polos servizos xurídicos da Deputación de Lugo.

Eloi Cabanas pediulle ao concello que esgote todos os mecanismos de acción posibles antes de dar por perdido o castro. En caso de que finalmente se demostrase que xa non hai nada que conservar no lugar, “se investigue e se pidan responsabilidades aos encargados de velar pola preservación deste Ben Cultural que pese a estar incluído no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos desde 1991 e catalogado (B.O.P) desde 1995 non recibiu a protección que lle correspondía”.

ATRASOS NO XIMNASIO MUNICIPAL

O BNG mindoniense preguntou tamén polos atrasos nas obras do ximnasio municipal. Por iso “pediu explicacións e preguntou polos problemas que motivaron o incumprimento das previsións iniciais do goberno para a posta en funcionamento das novas instalacións”.

Segundo o Concello producíronse reiterados incumprimentos no prazo de execución da obra por parte da empresa e ademais, esta non se adaptou ao proxecto técnico inicial. A empresa solicitou varios modificados co cal houbo que solicitar tamén dúas prórrogas á Secretaría Xeral para o Deporte que é quen subvenciona a obra. As citadas prórrogas non foron suficientes e como non se puido conceder unha terceira, o concello perdeu a subvención e agora ten que rematar os traballos pendentes con fondos municipais.

O concelleiro Eloi Cabanas trasladoulle ao goberno local o malestar xeral dos socios do ximnasio pola demora dos prazos e pola precariedade das alternativas ofrecidas polo Concello durante todos estes meses.

“O ximnasio tiña que que estar posto en servizo a mediados de novembro e por culpa de tanto retraso xa se están dando casos de usuarios que se están marchando para as instalacións deportivas do veciño concello de Lourenzá”.

PROPOSTA DE SOTERRAMENTO DUNHA LIÑA DE ALTA TENSIÓN

Por último, o BNG formulou un rogo para que o goberno realice os trámites oportunos para que o proxecto “Incremento dun circuíto de L.A.T. 132 kV. Mondoñedo-Meira entre o apoio 22 e a subestación de Meira” se modifique por non ter en conta no deseño do proxecto o trazado do Camiño Norte.

A L.A.T. cruza o camiño nas proximidades do Barrio do Vilar así que propón o soterramento da liña na zona de protección do entorno para minimizar o impacto visual e paisaxístico que produce.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...