O Concello de Trabada conseguiu unha nova subvención, neste caso de 30.000 euros, para unha actuación destinada a mellorar os accesos entre o aparcadoiro de autocaravanas e a área recreativa de Choza.
A convocatoria das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, correspondeu á Axencia de Turismo de Galicia e o prazo de presentación das solicitudes comezou na medianoite do pasado 10 de febreiro.
O procedemento elixido polo organismo autonómico, outorgando as axudas por orde de chegada das mesmas, obrigou unha vez máis á alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, a tramitar persoalmente a solicitude ás doce da noite.
“Son eu mesma a que se encarga de facelo, porque teño a formación suficiente e ademais evito que sexan os empregados municipais os que teñan que facelo fora do seu horario laboral e na fin de semana. A pesar das incidencias da sede electrónica da Xunta, conseguín tramitar en catro minutos a solicitude desta subvención”, engade García Bermúdez.
No pasado outono, o concello conseguiu outra subvención de 30.000 euros para a instalación de iluminación ornamental no acceso e no aparcadoiro de autocaravanas. Despois da elevada ocupación rexistrada durante o pasado verán no aparcadoiro, “queremos seguir mellorando este espazo, que conta tamén cunha zona de picnic que valoran moitísimo os usuarios”, remata a alcaldesa.