O alcalde, Fernando Suárez, asegurou hoxe que a cidadanía e as empresas seguen a apostar por Ribadeo para instalarse aquí. Na última xunta de goberno foron concedidas licencias de obras maiores para a nova construción ou rehabilitación integral de 6 vivendas na vila e nas parroquias e tamén foron autorizadas actividades económicas como a instalación de 6 invernadoiros na Devesa, a creación dunha residencia canina en Ribadeo e unha canceira en Rinlo.
O rexedor dixo que “cada quince días aproximadamente temos xuntas de goberno ordinarias onde se outorgan, entre outros asuntos, as licencias de obras, logo de que pasen todos os informes técnicos e xurídicos favorables de acordo ás normas urbanísticas municipais e autonómicas”.
Suárez Barcia contou que “precisamente, provócanos unha enorme ledicia ver como, paseniño, se están dando unha chea de licencias de obra maiores, menores, de actividades económicas, tanto na vila como nas parroquias, o cal significa que a cidadanía de aquí e de aló segue apostando por Ribadeo. Concretamente na xunta de goberno celebrada onte á noite déronse 6 licencias de obras maiores, singularmente para a nova construción ou rehabilitación integral para 6 vivendas na vila e nas parroquias. E tamén onte se autorizaron actividades económicas como a instalación de 6 invernadoiros na Devesa, a creación dunha residencia canina en Ribadeo, unha canceira en Rinlo e a creación dun novo ximnasio na vila”.
Para o alcalde ribadense “pódese comprobar empiricamente que o feito de ter os instrumentos urbanísticos aprobados, modernos, vixentes provoca unha seguridade xurídica de saber o que se pode e o que non se pode facer que evidentemente acaba convertendo a Ribadeo nun lugar moi interesante para traballar, para vivir, etc”.
Fernando Suárez engadiu: “e vemos que nestes últimos tempos seguen entrando outras solicitudes tamén de obras de considerable envergadura que agardamos autorizar canto antes. De feito, cada 15 días celebramos xuntas de goberno e a única demora que se pode producir vén dada pola espera de informes sectoriais que poidan ser necesarios doutras administracións”.