O Concello de Trabada aprobou en pleno a liquidación do orzamento do 2021, pechando o exercicio cuns créditos definitivos de 2.705.280,15 euros, despois de inicialo con 1.592.037,95 euros.
“Esta xestión económica realizada polo goberno municipal permitiunos levar a cabo numerosas obras para renovar os servizos e infraestruturas públicas; actuacións todas elas dirixidas a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.
En concreto, houbo actuacións de mellora de instalacións e equipamentos como o parque infantil na rúa San Roque; o aparcadoiro de autocaravanas; a pista de pádel; o remate das obras de rehabilitación da escola de Vilapercide; a reparación e pintado da fachada da Cámara Agraria; as tarefas para enfoscar e pintar os muros do pabellón de Sante, ou a musealización do Centro Etnográfico “Xosé Rocha”
Polo que respecta á rede de estradas e camiños, iniciáronse as obras de mellora da rúa Cotarelo; a pavimentación dos accesos ao Bargo, Vilauso, Vilasusa, Carreirachá, Ribela e de Vilapercide á Cabana, así como a construción da nova ponte de Paxarín. Melloráronse tamén os abastecementos en varios núcleos de Trabada e en Vilarbetote, e adquiriuse un punto limpio móbil.
“Todas estas actuacións lévanse a cabo porque o goberno municipal traballa, solicita as axudas e prioriza o orzamento municipal en investimentos”, engade a alcaldesa, “xa que ningunha administración, nin a Xunta, nin a Diputación nin o Estado financian investimentos no concello que eu persoalmente non solicite”.
SOLIDARIEDADE CON UCRAÍNA
O Concello de Trabada, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), pon en marcha unha campaña solidaria de apoio ao pobo ucraíno que ten como obxectivo contribuír a paliar a crise humanitaria que está a sufrir o país.
A través desta campaña humanitaria, o concello pon a disposición dos refuxiados ucraínos as antigas escolas como vivendas dispoñibles para o seu acollemento, e habilita unha conta solidaria, coa finalidade de recadar fondos para atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada polo conflicto. As persoas que desexen colaborar poderán realizar un donativo na seguinte conta bancaria:
ES49 2080 0161 9531 1000 0096.
O concello abre tamén a posibilidade de acollemento dos refuxiados por familias nos seus domicilios particulares, proporcionándolles aloxamento alternativo. Para máis información, os interesados poderán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello (982 135011).
Ademais desta campaña, o pleno aprobou unha moción impulsada polo grupo socialista para “reclamar a fin das hostilidades e o retorno á vía da negociación e da diplomacia, reiterando a necesidade de cumprir cos Acordos de Minsk e co dereito internacional”.
O texto expresa a solidariedade “con todas a vítimas deste conflito, dando todo o noso apoio ás organizacións que traballan pola defensa e protección dos dereitos humanos”.