InicioCentralBurelaAlumnos do IES Perdouro piden ao alcalde de Burela a creación dun...

Alumnos do IES Perdouro piden ao alcalde de Burela a creación dun carril bici na vila

Para o alcalde de Burela, Alfredo Llano “todo isto ten un fundamento claro, que eu penso que é o que hai que destacar: o interese que teñen estes alumnos e en xeral toda a poboación estudantil do IES Perdouro, e espero que tamén a do resto de Burela, con respecto ao medio ambiente".

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo unha xuntanza con alumnado do IES Perdouro na que os rapaces lle pediron a creación dalgún carril bici na localidade e avogaron por un transporte público con máis horarios para poder desprazarse pola comarca a realizar diferentes ciclos formativos. O alumnado aposta polos desprazamentos a pé e en bicicleta en Burela para evitar o emprego do coche e así reducir a contaminación. 

O rexedor contou que “tiven a oportunidade de falar con alumnado do IES Perdouro, concretamente de 3º e 4 º da ESO, que fixeron unha petición formal ao Concello, a través dun escrito, de melloras en aspectos medioambientais e sobre todo de mobilidade. Piden concretamente carril bici en diferentes rúas de Burela e tamén solicitan moito máis transporte público, con máis horario, máis cadencia e máis destinos, como debe ser. Ademais propoñen que se hai que desprazarse noutros vehículos que sexa de maneira compartida”.

Para Alfredo Llano “todo isto ten un fundamento claro, que eu penso que é o que hai que destacar: o interese que teñen estes alumnos e en xeral toda a poboación estudantil do IES Perdouro, e espero que tamén a do resto de Burela, con respecto ao medio ambiente. Que se tome conciencia do medio ambiente desta maneira, pensando xa en algo tan concreto como a mobilidade, é algo destacado. Ser consciente do que está ocorrendo co medio ambiente é un valor engadido nestes rapaces porque eu penso que isto é fundamental; e desde logo ter iniciativas e facer propostas”.

O alcalde explicou que “con respecto ao que solicitan, vaise estudar e hai que destacar que, por exemplo, sobre o do transporte público xa estamos traballando niso, xa temos reclamado máis transporte público aquí, na Mariña, con enlaces en diferentes lugares. Iso favorecería o que piden eles, que é poder ir a ciclos formativos que se ofertan en calquera concello desta comarca, desprazándose con todas as garantías e con horarios que deben ser respectados. E tamén sobre o transporte a Santiago e á Coruña é algo que levamos tempo demandando porque agora mesmo está moi mermado, sobre todo as fins de semana. Estamos insistindo en que se volvan recuperar os horarios que había antes”.

Llano seguiu a relatar: “e un que a min me parece moi importante é o transporte por tren e levamos tempo esixindo que haxa un tren de cercanías de Viveiro a Ribadeo e de Ribadeo a Viveiro, para garantir que moitos dos desprazamentos se puideran facer en tren; e desde logo para ser empregado por estudantes, por traballadores e en xeral por todas aquelas persoas que necesiten este transporte público. Agora mesmo estase comprobando a necesidade de volver pensar no transporte público como algo fundamental para poder desprazarse sen necesidade de empregar o coche, dada a carestía dos combustibles”.

As ideas que lle fixo chegar o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Perdouro parécelle interesante a Alfredo Llano: “ou sexa que todo isto que solicitan os alumnos é algo que realmente importa. E nosoutros vamos facer campañas sobre o que piden: de empregar a bicicleta, de ir andando a moitos lugares sen necesidade de utilizar o coche, para non xerar contaminación. Tamén lles ofertei unha instalación que temos con instrumentación para analizar a calidade do aire constantemente e xa se están utilizando eses datos; propúxenlles que vaian ver como funciona, para o que teñen que facer unha petición formal. É algo que queremos que utilicen os colexios e os institutos. E, con respecto a auga, explicámoslles que temos en Burela uns medidores de caudais en varios puntos, que, empregando as novas tecnoloxías, transmiten inmediatamente, en tempo real, se hai algunha fuga. É un método extraordinario que temos en Burela para saber se nun momento dado hai algunha avaría na rede de auga”.

O alcalde engadiu: “tamén lles informei doutras accións que se están levando a cabo desde o Concello de Burela co medio ambiente como referencia, como as plantacións de árbores ou as hortas urbanas. É unha boa iniciativa do alumnado e un sinal de que teñen conciencia sobre o medio ambiente, o que é importante”. Un total de 170 rapaces asinaron o escrito entregado ao alcalde burelés, Alfredo Llano.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...