Nunha nota de prensa enviada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, este departamento responde á alcaldesa de Trabada, Mayra García, que “habilitou este curso unha aula de Educación Infantil no colexio Celso Currás de Trabada, no que hai case trinta nenos e nenas matriculados dos que nove corresponden á etapa de infantil”.
A nota enviada desde o departamento que dirixe Román Rodríguez foi enviada logo de que a alcaldesa criticara a falta da aula de infantil. Educación responde “que leva funcionando dende o mes de setembro debido a que o incremento da matrícula permitiu superar o mínimo de seis alumnos inscritos que se require para poñer en marcha a unidade”.
A Consellería sinala tamén que é falso que se suprimiran paradas de autobús do transporte escolar. Educación indica que a parada de autobús “á que supostamente se refire a alcaldesa nunca figurou no contrato coa empresa operadora do servizo“. O motivo sinalado por Educación é “porque está a 370 metros da parada oficial da igrexa, onde si se recolle a varios estudantes“.
Ademais disto, tamén se apunta no documento da Consellería de Educación que os vehículos do transporte escolar -en exclusiva ou compartido- “só poden realizar as rutas e paradas autorizadas” por motivos de seguridade.
A parada de autobús que sinalaba a alcaldesa de Trabada como eliminada “era un punto non autorizado onde se recollía un estudante de BAC -sen dereito polo tanto a transporte escolar-, que ten a opción de seguir utilizando o bus de xeito gratuíto a través da tarxeta Xente Nova da Xunta de Galicia”, pero debe desprazarse ata a parada da igrexa, asignada para todos os veciños e veciñas da zona.