O Concello de Ribadeo organiza percorridos guiados esta Semana Santa ata as XeoRutas dos Arcos e da Ría e polo Ribadeo Indiano e Ilustrado. Trátase de actividades de balde cuxas prazas son limitadas, polo que é preciso anotarse.
A intención do Concello de Ribadeo é dar a coñecer o seu “importante patrimonio natural e cultural” a través dunha serie de rutas para todos os públicos. A dos Arcos, explicou o edil ribadense Pablo Vizoso na presentación, vai permitir “explorar e visitar o conxunto
dos arcos rochosos máis importantes da península ibérica”. Terá lugar o 17 de
abril ás 9:45 horas a primeira saída e ás 11:00 horas a segunda. Conta cunha duración aproximada de 45 minutos e presenta unha dificultade baixa.
Como segunda opción, atópase a XeoRuta da Ría, para descubrir a orixe da ría de Ribadeo, a súa evolución, e as formas que xerou nela a erosión mariña e fluvial. Está prevista para o venres, 15 de abril, ás catro e media da tarde. Ten unha duración máis prolongada, de tres horas e media, aínda que presenta tamén unha dificultade baixa.
No ámbito do RibadeoXCultural destacan dous roteiros guiados e interpretados para gozar do patrimonio cultural e etnográfico presente en cada recuncho da vila. Trátase, por unha banda, da visita guiada ao Ribadeo Indiano, que dará a coñecer a cosmopolita arquitectura desenvolvida da man dos emigrantes. Esta visita está programa para o 9 de abril ás doce da mañá e para o 14 de abril ás cinco da tarde. Pola outra banda, o Concello oferta unha última visita guiada ao Ribadeo Ilustrado, que nos achegará a un conxunto histórico de pazos urbanos con sinxelas construcións de mariñeiros e artesáns polo casco vello de Ribadeo. Serán o 10 de abril ás doce da mañá e o 16 de abril ás cinco da tarde”.