Os días 13, 14 e 16 de abril terá lugar unha nova edición do Comercio na Rúa, que organiza AciaFozCCA. Trinta establecementos ofrecerán descontos especiais esta Semana Santa.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “este mércores poñemos en marcha unha nova edición do Comercio na Rúa, un clásico dentro das campañas que organizamos desde AciaFozCCA, que sempre ten moi acollida entre a clientela e entre os establecementos asociados que participan nesta cita”.
Paleo sinala que “co Comercio na Rúa e coa Ruta das Tapas pretendemos ofrecer alternativas atractivas para que aquelas e aqueles que nos visiten durante esta Semana Santa disfruten da nosa gastronomía en miniatura e de todo o que atoparán no noso comercio, ademais da nosa paisaxe, dos nosos monumentos, dos nosos paseos…”.
O concelleiro de Comercio, Chema Linares, manifesta que “é unha campaña que tivo moi boa acollida en edicións anteriores e esperamos que nesta semana Santa tamén a teña. Está deseñada para dinamizar o comercio local nestas datas, nas que as perspectivas que temos en Foz en canto a visitantes son boas, o tempo parece que acompañará, co que estamos esperanzados en todo sexa positivo para a economía local”.
No Comercio na Rúa participan 5 Lobiños, Alain Afflelou, Arrullos, Briz Peluquería, Calzados Pirde, Cenor Belianorte, Chinela Nenos, Chuvia, Chuvia Complementos, Decoraciones Pura, Don Zapato, Ginzo Hombre, Ginzo Mujer, Hola Ola, Isla, Librería A Rapadoira, Librería Bahía, Longarela, Lourdes Moda Íntima, María Docampo, N1 Zapatillas, Ofifoz, Sensación Surf, Sueños, Unique 2, Vas’s, Vas’s Outlet, Xanela Complementos e Xoguetería Bahía.
O Comercio na Rúa desenvolverase o mércores, o xoves e o sábado. En caso de mal tempo as promocións ofreceranse no interior dos locais. José Carlos Paleo subliña que “o día de xoves santo o noso comercio abrirá tanto pola mañá como pola tarde para facilitarlle as compras á súa clientela e para que aproveiten as promocións que atoparán durante o Comercio na Rúa”.
O evento foi presentado polo presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, polo alcalde, Fran Cajoto, e polo concelleiro de Comercio, Chema Linares.