InicioDeportesCésar Ramos: "Practicamos ciclismo non para poñernos metas senón para pasalo ben"

César Ramos: “Practicamos ciclismo non para poñernos metas senón para pasalo ben”

César Ramos dirixe o Clube Ciclista Komando Xoviético, un grupo amateur cuxa paixón polo ciclismo acabou materializándose en asociación. A orixinalidade do nome foi e é motivo de risas e bromas tanto internas como externas. Mais como di o propio Ramos "é un xogo de palabras co nome de Xove". As persoas incluídas nesta asociación practican diversas variantes ciclistas o que permite a este Clube ter representantes en diversas probas por Galicia e fóra dela.

Publicada o

- Advertisement -

-A afección ao ciclismo ten unha forte tradición na comarca. Foi isto o que motivou o nacemento do Clube?

Si, porque realmente eramos un grupo de amigos moi afeccionados á bicicleta e moitas veces tiñamos falado de formar un clube porque xa había noutros lugares. A partir de aí tentamos conformar unha directiva para ir dando paso a paso. Tamén é unha maneira de gozar dunha actividade que nos gusta, ademais, non o facemos de maneira que nos esixamos metas senón pasalo ben.

-Supoño que haberá distintas preferencias en canto a modalidades ciclistas. Tedes algunha preferencia entre mountabike, estrada ou outras variantes?

Non diría preferencias mais si que temos socios e socias enfocados máis en monte, outras en montaña e outros en estrada. Realmente tocamos varias disciplinas dentro dos integrantes do clube.

-Cal é o número socios e socias a día de hoxe?

Entre socios, socias e integrantes infantís estamos entre as 45 e 46 persoas e para afrontar gastos hai unha cota anual, pois temos un local en Palmeiro.

é unha maneira de gozar dunha actividade que nos gusta

-Sodes os primeiros en organizar unha asociación ciclista en Xove?

Penso que somos os primeiros e o únicos que hai. Durante as últimas décadas a afección ao ciclismo aumentou moito, case en paralelo a outras prácticas como os trails.

-Como asociación participastes nalgunha competición?

Algúns socios si que participaron en carreiras de competición como o Enduro de Mugardos, a Vigo que é un enduro do campionato galego e despois hai persoas que van ás marchas cicloturistas amateur para pasar un día.

-Como son estes percorridos cicloturistas?

Son percorridos que se adaptan a todo tipo de ciclista, estea máis ou menos en forma. Aquí facémolas mediante a Federación, así temos unhas distancias de 30 ou 35 km que se fan pola mañá. Agora pola pandemia é un pouco máis complicado, con todo, facemos unha comida ao final.

Realmente tocamos varias disciplinas dentro dos integrantes do clube

-Colaborades con outros clubes ciclistas da comarca para levar adiante rutas, carreiras ou percorridos turísticos por Galicia?

É frecuente colaborar cos clubes veciños de San Cibrao, Burela ou Viveiro en canto crear percorridos e axudarnos mutuamente. Por outra parte, hoxe por hoxe é complicado facer algo debido aos límites que pon a burocracia e agora sobre todo por culpa da pandemia.

-Cales son principais percorridos que facedes tanto en Xove como na comarca?

Aquí hai sendas que realmente son antigos camiños adaptados que discorren por montes comuninais como o da Medela ou Monte Castelo en Burela. Tamén temos a senda da costa, un camiño sempre en condicións óptimas e con todo isto imos xogando para ofrecer diferentes opcións. A todo isto, é habitual que cada clube faga mantemento da súa senda, aínda que tamén se fan xuntanzas entre clubes para colaborar na limpeza dalgunhas áreas.

-En que consiste ese mantemento?

Basicamente, limpar os camiños de garabullos, leños e follas que sempre caen das árbores ademais de limpar de felgos (fentos).

É frecuente colaborar cos clubes veciños de San Cibrao, Burela ou Viveiro en canto crear percorridos e axudarnos mutuamente

-Facedes eventos para captar socios e socias?

Non, o habitual son actos en colaboración co Concello. Un deles é o Día da Bicicleta, actividades de verán como saídas nocturnas para animar a todo tipo de público.

-Celebrades competicións como so triatlón ou semellantes?

Non, o que si temos é a Marcha Xoviética no mes de outubre, en principio todos os anos. Un ano non puido ser pola pandemia. Mais este ano poderemos celebrar a sexta edición e contamos con que se acheguen participantes de Asturias, das Rías Baixas e outros lugares. O número máximo que xuntamos até o momento foron 300 persoas.

-Cambiades os percorridos cada ano?

Si que tentamos facer variacións, como hai un ano en que metimos só interior, mais a nós gústanos moito a costa pois por aí temos moita senda. É un espazo que esta de man do Concello por iso colaboramos en mantela.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...