O alcalde de Ourol, José Luís Pajón, reclamou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que se cubra a baixa do único médico do centro de saúde. Segundo explicou o alcalde, trátase dunha baixa de dous meses e medio que deixou sen servizo o cento de saúde e se supliu “provisionalmente” coa incorporación dunha facultativa que permanecerá en Ourol ata finais deste mes.
Pajón xa se dirixiu ao xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, que lle dixo que “fará o posible por cubrilo, pero non prometeu nada porque non teñen persoal”. Ante esta resposta “ambigua”, o alcalde chamou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e deixoulle “recado” a través do teléfono, “porque non é de recibo que un concello pequeno, cunha poboación envellecida e dispersa non dispoña de médico”.
José Luís Pajón apelou a que se trata dun concello rural, “envellecido, e esta situación non é nada boa para que veña xente aquí e os que hai non marchen”. Por iso, se non se resolve a veciñanza terá que ir a consulta ao municipio de Viveiro, porque a facultativa que teñen agora só permanecerá en Ourol ata o 28 de abril.