O Concello de Trabada pon en funcionamento unha campaña de recollida de plásticos agrícolas, que se desenvolverá o próximo martes 10 de maio. Este ano, o servizo realizarase porta a porta, acudindo ás explotacións que así o soliciten.
O obxectivo do Concello de Trabada é facilitar o depósito aos veciños e veciñas, cuxo plástico será recollido nas propias explotacións, e evitar que se depositen outro tipo de residuos nas zonas que se habilitaban antes.
Para prestar este servizo, o Concello de Trabada habilitará un camión que pasará por aquelas explotacións agrícolas que demanden a recollida de plásticos. As solicitudes deben facerse no teléfono 982 135011 antes do venres 6 de maio.
Dende o Concello de Trabada, prégase aos usuarios/as que os plásticos depositados estean en puntos de fácil acceso para o camión. Ademais, para non estorbar á pluma durante a carga, os plásticos deberán estar apartados do tendido eléctrico e das árbores.
Tamén se recorda que o material estará correctamente pregado e atado, para facilitar a recollida, e ademais non deben levar arames nin terra ou area polo medio. Prégase o cumprimento destes aspectos, xa que do contrario non se recollerán os plásticos.
“Este tipo de servizo porta a porta permítenos acudir directamente ás explotacións, evitando que os veciños teñan que desprazarse ata un punto concreto. Ademais, evitamos instalar zonas de recollida específicas, nos que había cidadáns que depositaban residuos prohibidos ou non adecuados”, sinala Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada.