A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, confirmou en conversa telefónica que o obús aparecido esta mañá nunha vivenda do casco vello estaba desactivado.
Os feitos aconteceron nunha casa en rehabilitación onde se instalará un local de hostalaría. “Avisaron da aparición dun artefacto que resultou ser un obús de morteiro. Comunicámolo á Policía Local para a xestión deste suceso. Logo eles contactaron coa Policía Nacional”.
O primeiro paso foi precintar toda a zona até a chegada dos TEDAX os técnicos en detonación de explosivos. Mentres tanto desaloxouse a área por precaución, “aínda que hai poucas vivendas habitadas mais si hai negocios” sinala Loureiro. Os TEDAX confirmaron que o artefacto de guerra estaba desactivado e procederon a desaloxalo.
“O bo é que isto ocorreu pola mañá cedo e así non houbo moito prexuízo para a poboación nin houbo alarma” destaca Loureiro. Sobre a posible propiedade do explosivo, a alcaldesa apunta que “non se sabe, nese lugar había unha antiga ferrellaría, nin sequera se sabe se era dun coleccionista”.
Ante a pregunta de se se van realizar pescudas no mesmo lugar en caso de que haxa máis elementos de risco, a alcaldesa respondeu que o lugar só se precintou e non se fixo ningunha exploración buscando novos artefactos.
Por outra parte, á pregunta de se o lugar en cuestión fora algún tipo de acuartelamento ou depósito de armas, María Loureiro responde que “non, o cuartel estaba noutro lugar”.