O Concello de Barreiros acaba de redefinir a antiga ruta da Lagoa dos Patos. Para isto modificouse o seu trazado facéndoa pasar por máis puntos de interese turístico, a maior parte deles de carácter cultural. Así, a ruta da Lagoa dos Patos pasa a chamarse “Ruta Lagoa de Pallares” e ten o seu punto de inicio no aparcamento do campo de fútbol do Cascabeiro onde atoparemos o panel de inicio coa información básica do sendeiro.
O novo trazado, de dificultade moderada, tamén é circular e conta cunha distancia de 5,5Km máis desvíos a puntos de interese, podendo facela a pé ou en bicicleta.
A súa sinalización, con marcas brancas e azuis, está preparada para facer o percorrido nun só sentido. Partindo do punto de inicio, dirixímonos cara ao cruceiro de Viladaíde, onde nos desviamos á esquerda. A partir de aí comeza un descenso suave cara a contorna da ría de Foz-Masma que conta con diversos puntos desde onde obteremos unhas fermosas vistas á mesma podendo prestar atención á flora e fauna propia desta contorna natural declarada Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Especial Conservación (ZEC) entre outras figuras de protección ambiental.
Así mesmo, na contorna deste esteiro, descubriremos a pequena Lagoa de Pallares, que lle dá nome ao roteiro. Pasaremos por xunto a este recurso tanto á ida como á volta para, posteriormente, desviarnos cara os lugares de Vilar e A Áspera e adentrarnos así na parte máis vinculada ao patrimonio cultural de carácter etnográfico, relixioso e civil.
Ademais, os/as sendeiristas contan coas ferramentas dixitais Wikiloc (perfil “ConcellodeBarreiros”) e Google Maps para poder seguir o roteiro. Toda a información da ruta coma a descarga dun folleto dixital e do track en GPX, se atopan dispoñibles na sección de sendeirismo da web municipal www.concellodebarreiros.gal.
Aclaran que, aínda que están pendentes de recibir material complementario que axude a darlle visibilidade a esta ruta, a sinalización direccional xa está instalada e, polo tanto, xa se pode utilizar. Dende o Concello agardan que tanto residentes coma visitantes gocen desta nova proposta que permite practicar deporte á vez que se visibiliza e pon en valor o patrimonio natural e cultural da contorna.