Acisa Ribadeo recolle fondos económicos para axudar a unha familia ucraína que acaba de chegar á localidade procedente de Snovs. Trátase dunha nova nai treintañera, que fuxiu da guerra xunto aos seus fillos e fillas de 2, 3, 4, 10, 11 e 14 anos.
Esta familia alóxase cunha parella ribadense, que lles abriu as portas da súa casa para que poidan emprender unha nova vida lonxe do conflito que vive Ucraina. Desde Acisa Ribadeo sinalan que “queremos ofrecer o noso apoio a esta nai e aos seus fillos. E desde Acisa o que poñemos ao dispor dos ribadenses é un número de conta para que poidan facer as achegas económicas que consideren. Toda axuda será benvida. Son 7 persoas que se están aloxando cun matrimonio ribadense, que necesitan comida, produtos de hixiene, cueiros para os bebés, roupa, calzado, material escolar, etc… todo o que calquera persoa precisa no seu día a día”. O número de conta é o seguinte: ES47 2080 0140 1530 4020 1283 de ABANCA. “Á hora de facer as achegas como concepto poñeremos Donativo familia ucraína en Ribadeo”, puntualizan desde Acisa. E engaden que “os donativos poderán facerse durante todo o mes de maio”.
Esta familia ucraína emprendeu viaxe a Ribadeo hai unhas semanas porque unha das súas fillas está vivindo con ribadenses e estudando aquí desde o pasado mes de agosto. E outra das fillas viña pasar os veráns e o nadal coa parella ribadense que agora os aloxa na súa casa. Era unha asociación, con sede en Andalucía, a que traía a estes nenos ao sur e ao norte de España.
Desde Acisa Ribadeo “tamén queremos facer unha chamada ao comercio local asociado para que aqueles que queiran colaborar poidan achegar roupa, calzado, mochilas, material escolar, alimentación, cueiros, etc… nas nosas oficinas ofrecémonos para recollelo en horario de mañá e se non lles facilitaremos un teléfono de contacto para que o poidan facer chegar directamente a esta familia refuxiada ucraína”.