Os socialistas da Mariña reuníronse este xoves cos sindicatos UGT, CIG e CCOO para analizar o que consideran unha “traizón” do presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, á comarca en relación á localización da empresa Altri.
Na reunión, da que informaron nun comunicado, cargos socialistas da zona explicaron a folla de ruta na que traballan desde todos os municipios da comarca para reclamar ao Goberno da Xunta unha solución.
Así mesmo, presentaron o modelo de recollida de firmas que impulsarán na comarca e avanzaron a súa intención de analizar novas accións, como mobilizacións.
“Queremos saber cal é o plan industrial da Xunta para A Mariña, porque a promesa de Altri foi a pinga que colmou o vaso da nosa paciencia”, denuncian os socialistas.
No encontro celebrado na tarde deste xoves na Casa do Mar de San Cibrao (Cervo) participaron o alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto, as alcaldesas de Viveiro e Trabada, María Loureiro e Mayra García, o portavoz socialista de Cervo, Francisco Mon, e a deputada autonómica, Patricia Otero.