O Concello de Trabada conseguiu unha subvención da Xunta de Galicia para acometer un proxecto de mellora e embelecemento do entorno do Camiño de Santiago entre o municipio e unha fonte de gran valor para os veciños situada nas inmediacións de Porto do Malle.
O procedemento elixido polo goberno autonómico para a convocatoria, outorgando as axudas por orde de chegada das mesmas e abrindo o prazo de solicitude a medianoite, obrigou unha vez máis á alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, a tramitar persoalmente a petición da subvención.
A actuación consistirá na rexeneración do pavimento no tramo, de 775 metros e un ancho de catro metros, a limpeza de cunetas e o acondicionamento da zona da fonte. Estaba prevista tamén a colocación dun banco e unha papeleira no entorno da fonte, pero a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Xunta de Galicia, non o autorizou no seu informe preceptivo. As obras teñen un orzamento de 20.000 euros e a subvención é de 15.000 euros, asumindo o concello a diferenza.
“Para o Concello de Trabada, o Camiño de Santiago é unha oportunidade, por iso creamos un pequeno albergue municipal na planta baixa da antiga escola de Sante coa colaboración da Deputación Provincial e temos que aproveitar o seu impacto, polo que esta actuación é moi necesaria”, explica García Bermúdez.