O Concello de Viveiro acolleu esta tarde a presentación do IV Rallye da Mariña Lucense, que se celebrará esta fin de semana (13, 14 e 15 de maio). Será a terceira proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto 2022. A súa base estará no Concello de Viveiro e transcorrerá tamén por Muras, Ourol, O Vicedo, Xove e Cervo.
Na presentación desta tarde, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou que “é un pracer ser de novo a base e o centro neurálxico dos coches e pilotos participantes na proba”.
“Quero agradecer o traballo da Escudería Mix Rallye e do seu presidente, Ignacio José Davila Estévez, así como o apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e os diferentes patrocinadores cos que conta o campionato galego de rallyes”, manifestou.
“Desde xa hai moitos anos, en Viveiro apostamos polo deporte e por albergar probas que ademais nos permiten promocionar o atractivo natural e paisaxístico do noso concello e do conxunto da Mariña”, engadiu a alcaldesa.
Este ano ademais como novidade do rallye vai haber unha cerimonia de saída desde a praza Maior de Viveiro, o venres a partir das 20.00 horas. Co obxectivo de que o motor chegue a todo o concello, nesta ocasión as verificacións se realizarán na explanada de Grallal, en Covas, e o parque pechado estará situado nas Lavandeiras, en Celeiro. En palabras de María Loureiro, “Viveiro demostrará outra vez esta fin de semana que é un concello acolledor e con moito que ofrecer aos que nos visitan”.