InicioCulturaLucía Ferro: "Ser enfermeira fíxome absorber moito coñecemento útil para escribir"

Lucía Ferro: “Ser enfermeira fíxome absorber moito coñecemento útil para escribir”

Lucía Ferro (As Valgas, Barreiros) é unha autora que publicou o seu primeiro traballo en datas moi recentes. Mais hai tempo que xa viña traballando no mundo da palabra escrita. Enfermeira de profesión, escritora de vocación, esta barreirense traballou en Cambridge por catro anos e logo pasou aos Países Baixos onde leva outros catro. Filla da emigración contemporánea, a xeración mellor formada da historia en Galicia, Lucía volve ás orixes con cada traballo que realiza.

Publicada o

- Advertisement -

Resaibo amargo é unha exploración dentro dos teus recordos?

Non, non é un traballo autobiográfico ou persoal. Imaxino que os e as autoras recorrerán e nutriranse das súas experiencias. Dentro da novela si hai algúns feitos vividos por min, mais o traballo en si é un constructo arredor das personaxes do libro.

-Cal sería pois a descrición que farías de Resaibo amargo?

É un libro de suspense onde hai dúas personaxes femininas, Mariana, unha xornalista lesbiana cunha relación complicada e que ademais non está moi satisfeita co seu traballo. Logo está Inés, unha rapaza brasileira que chegou a Galicia moi nova e agora traballa como visitadora médica para unha empresa farmacéutica. Ambas coñécense de maneira fortuíta e a través da súa relación a persoa lectora poderá coñecer o funcionamento desa “mafia” detrás da industria farmacéutica.

-Quixeches afondar máis na relación entre as dúas mulleres que no mundo da farmacéutica?

Nun libro deste tipo hai unha trama por unha parte, neste caso o tema das farmacéuticas mais sempre hai unha parte, o que en inglés chaman inner issue, que é o problema interior dos protagonistas que é unha historia sumada á trama. Por tanto temos un conflicto interior e outro exterior e eu busquei unha maneira de combinalos.

a persoa lectora poderá coñecer o funcionamento desa “mafia” detrás da industria farmacéutica

-Como foi o camiño para editar a novela?

Na edición houbo varias persoas, primeiro unha amiga editora, logo houbo varias persoas que o leron e podería dicirse que foi unha colaboración con moitas aportacións. Realmente é un libro autoeditado.

-Polo que narras no teu blog sempre tiveches ese interese de contar historias. De onde cres que che vén ese interese?

Supoño que lle ocorrerá o mesmo a outras persoas, pois no entorno onde me desenvolvía non podía expresarme falando. Funme convertendo nunha persoa calada e só falaba libremente se tiña moita confianza co ou coa interlocutora. Así foi como escribindo expresaba aquilo que non dicía. Co tempo fóronse acumulando as cousas como papeis ou documentos de Word perdidos no disco duro. Basicamente, escribía para poder materializar as miñas palabras sen usar a voz.

-Ter materializado Resaibo amargo, animoute a publicar nun futuro eses escritos espallados?

Si, desde logo. Agora teño máis forza para expoñer cousas e desde logo seguirei publicando da maneira máis acaída.

-Que autores e autoras teñen máis influencia sobre o teu traballo?

Unha novela que me chegou fondo foi A Esmorga de Blanco Amor. Lina moi nova e foi descubrir esa decadencia humana, esa maneira de mostrar as cousas máis crúas. Despois está o thriller e dentro del gústanme os traballos de John Grisham. En realidade gústame ler un pouco de todo como por exemplo divulgación científica, grazas a isto podo explicar algúns conceptos que se os leses nun documento divulgativo podería aborrecer a moito público mentres que na novela é máis entretido.

-Se tiveses que destacar un trazo de Lucía Ferro como autora, cal sería?

Buscar poñerme no lugar das persoas que son personaxes “invisibles”. Agora toca colocar personaxes que nunca estiveron na ficción en xeral.

Por tanto temos un conflicto interior e outro exterior e eu busquei unha maneira de combinalos

-Profesionalmente es enfermeira. Como se sente esta posición no teu traballo?

A enfermaría permite ter un contacto directo con persoas que están pasando momentos moi emocionais. Iso abriume a posibilidade de ver por min mesma o comportamento desa xente xusto neses momentos onde non saben que facer. Ser enfermeira fíxome absorber moito coñecemento útil para escribir.

-Estás preparando xa algún novo proxecto?

Sí, agora mesmo estou escribindo outro libro en galego ademais de facer cousas en inglés nunha plataforma online www.medium.com.

Agora teño máis forza para expoñer cousas e desde logo seguirei publicando da maneira máis acaída

-Pensaches en reflectir nalgún traballo literario ou divulgativo o feito de ser unha persoa emigrada?

Si, xa me dixeron de tratar este tema nalgunha obra. O certo é que teño moita experiencia variada despois de oito anos fóra, catro no Reino Unido e catro nos Países Baixos. Tiven que adaptarme a dúas culturas novas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...