InicioEconomíaO BNG provincial reclama ao Goberno central que blinde os caladoiros e...

O BNG provincial reclama ao Goberno central que blinde os caladoiros e zonas de pesca ante a instalación de eólicos mariños

Os nacionalistas confían en lograr "un pronunciamento unánime como o que desde o BNG acadamos noutras institucións, esta mesma semana no Parlamento Galego, porque a actividade pesqueira é clave para o tecido económico e social en comarcas como A Mariña".

Publicada o

- Advertisement -

O BNG provincial de Lugo comunicou nunha nota este luns 30 de maio, que busca un pronunciamento unánime da Deputación de Lugo de cara a “protexer a actividade pesqueira fronte o impacto da eólica mariña”. A través dunha proposta de goberno que se debaterá no pleno deste próximo 31 de maio, o grupo provincial nacionalista “demanda ao goberno do Estado que blinde os caladoiros e espazos dedicados á actividade pesqueira fronte á ameaza que suporía a localización de instalacións eólicas mariñas”.

Segundo o grupo nacionalista na Deputación, búscase comprometer a todas as institucións coas demandas recollidas no coñecido como “Manifesto de Burela”. Dito documento foi asinado por asociacións e federacións de confrarías, así como armadores e outras organizacións vinculadas ao mar.

O manifesto sinala que a instalación de parques eólicos nestas zonas é incompatible coa pesca e co mantemento da biodiversidade no medio mariño. Á parte, advirte de posibles consecuencias dunha industrialización do mar como fonte de enerxía renovábel, en detrimento da produción de alimentos sostíbeis e saudábeis e do sector pesqueiro, sen que se teña feito ningunha avaliación sensata de como afectan aos nosos ecosistemas esas industrias.

A moción do BNG pide ao Goberno central avaliar a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) o posible impacto de instalación de polígonos eólicos mariños sobre os recursos pesqueiros e as zonas de traballo das diferentes artes e segmentos de frota que operan no Cantábrico Noroeste e os seus efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico.

A deputada mariñá Mónica Freire sinalou que “coincidimos coas reivindicacións do sector pesqueiro galego e especialmente coa nosa frota da Mariña que ve con temor e preocupación tamén a existencia do proxecto de instalación do Parque Eólico Mariño ‘San Cibrao’, ao leste de Cabo Ortegal, presentado por parte de Iberdrola, un proxecto ao que, por certo, o BNG presentou alegacións o pasado agosto pedindo a súa retirada xa que afectaría á actividade pesqueira nos portos da Mariña e Ortegal”.

A deputada de Medio Rural e do Mar confía en lograr “un pronunciamento unánime como o que desde o BNG acadamos noutras institucións, esta mesma semana no Parlamento Galego, porque a actividade pesqueira é clave para o tecido económico e social en comarcas como A Mariña”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...