A Concellaría de Mocidade organiza actividades de verán para a infancia e a xuventude co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. As colonias para nenas e nenos desde infantil ata 6º de primaria serán do 4 ao 29 de xullo. Para a rapazada, a partir de 12 anos, haberá actividades do 11 ao 15 de xullo e unha semana tecnolóxica do 1 ao 5 de agosto. A inscrición para participar nesta programación deberá facerse de xeito presencial do 14 ao 20 de xuño na Casa da Xuventude.
A concelleira de Mocidade, Mariluz Álvarez, anunciou que “dende a Oficina de Información Xuvenil e dende a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo queremos dar coñecer as actividades que os nosos rapaces e rapazas e os máis pequeniños van ter durante todo este verán. Volvemos a unha nova normalidade, polo tanto volven con nós as colonias de verán que fixemos ao longo dos últimos tempos. Este ano vanse desenvolver dende o 4 ata o 29 de xullo e chámanse Un verán de historia. Durante as diferentes semanas vaise analizar a historia da nosa vila con actividades divertidas e dinámicas como, por exemplo, os segredos de Porcillán ou os enigmas da Torre dos Moreno, que se programarán por persoal especializado e que se celebrarán no colexio Gregorio Sanz. Os nenos están divididos por tramos de idade, polo tanto as catro semanas van estar repartidas para nenos e nenas de educación infantil e de 1º, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. O custe das actividades é de 30 euros á semana para os nenos de infantil, de 35 euros para os de 1º, 2º e 3º de Primaria e de 40 euros á semana para os de 4º, 5º e 6º de primaria. Serán de 10 a 14 horas as actividades, aínda que contaremos con servizo de conciliación desde as nove da mañá”.
A edil ribadense dixo que “as persoas interesadas teñen que presentarse para inscribir aos rapaces e rapazas na Oficina de Información Xuvenil do 14 ao 20 de xuño. A inscrición ten que ser con carácter presencial e vai ser por orde de chegada. En principio, as familias poden anotar aos seus fillos e ás súas fillas durante dúas semanas e despois poden quedar en lista de reserva para as outras dúas semanas. Trátase de actividades de ocio e tempo libre, pero tamén de intentar facilitar a conciliación laboral das familias nestes momentos de vacacións dos nenos. Os grupos de 4º, 5º e 6º de primaria ademais de ter estas actividades semanais quedarán un día a durmir e terán unha velada cada semana que se fará os xoves. Ao rematar todas elas terán unha festa de inchables, deslizador con espuma e karaoke, é dicir, as colonias de verán que estábamos acostumados a facer en Ribadeo. Animamos a todos os rapaces e rapazas a que se inscriban”.
Mariluz Álvarez Lastra seguiu a relatar que “a partir dos 11 anos temos a actividade Ribadeo coa Mocidade, que vai ter lugar durante unha semana, do 11 ao 15 de xullo, de dez a dúas da tarde. Haberá obradoiros, escape room e saídas para todos aqueles rapaces e rapazas que se apunten. O prazo de inscrición tamén é do 14 ao 20 de xuño con carácter presencial. Logo temos unha semana tecnolóxica no mes de agosto, do 1 ao 5, e de dez da mañá a dúas da tarde. O prazo de inscrición é na Casa da Xuventude tamén do 14 ao 20 de xuño. Nestas actividades vanse traballar montaxe de mecanismos, de robots, videoxogos, deseños e creación, e demais actividades realizadas con drons. Intentamos facer actividades diversas con temáticas diferentes para tratar de captar o interese e atender as necesidades e propostas dos rapaces e rapazas”.
E engadiu que “xa o 25 de setembro teremos a segunda edición de Orienta Ribadeo, unha actividade aberta ao público xeral e tamén pensada para familias con nenas e nenos. Consiste nun xogo por equipos que combina orientación con mapa con diferentes probas denominadas especiais. Neste caso a inscrición será en setembro”.