A ocupación hoteleira na Mariña Lucense rozou o 70% na pasada ponte festiva da Constitución, segundo os datos da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL).
Os datos da bisbarra están en sintonía cos globais da provincia. A agrupación sinala que, en xeral, alcanzouse unha media dun 70,76 % de ocupación.
Segundo APEHL, a zona centro de Lugo foi a área da provincia con máis visitantes, cunha media do 71,64% de ocupación. A Terra Chá acadou o 71,43 % e A Mariña e a Ribeira Sacra rondaron o 70%.
RETROCESO
Esta cifra supón un significativo retroceso con respecto do ano 2017, exercicio no que se chegara ao 80% de ocupación media.
No 2017, a media de ocupación na Ribeira Sacra alcanzou o 85% de ocupación, mentres que na capital lucense esgotouse o 83% das prazas hoteleiras e A Mariña chegou ao 80%.
A APEHL achaca este descenso a que os festivos do ano pasado foron “máis favorables para viaxar“.
PROCEDENCIAS
Os hostaleiros consultados no balance da ponte coinciden á hora de afirmar que a maioría dos visitantes que nos pasados días fixeron parada na provincia procedían maioritariamente do territorio nacional.