A Xunta adxudicou por 360.000 euros a redacción dos proxectos de rehabilitación e dirección de obra de 13 edificios adquiridos na localidade lucense de Mondoñedo, no marco do Programa Rexurbe, polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Nunha visita a estes inmobles este martes, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, detallou que, en total, a Xunta achegará un cinco millóns de euros para a rehabilitación destes inmobles.
Ademais, segundo trasladou a Consellería, destacou que Mondoñedo é “o exemplo a seguir na aposta pola rehabilitación de vivendas para aluguer social”.
Por outra banda, a Xunta asegurou que o IGVS e o Concello analizan a posibilidade de utilizar un dos edificios adquiridos como residencia creativa co fin de dar aloxamento a artistas que desenvolvan o seu labor en Mondoñedo.
Nesta mesma liña, tamén estudan destinar outro inmoble para vivendas ou aloxamento ‘cohousing’, dentro da estratexia do Goberno galego para “impulsar un novo modelo de coidados que garanta a autonomía de vida das persoas, que seguirán vivindo dentro da súa contorna, pero con seguridade benestar e seguimento profesional”.
A Xunta sinalou que o programa Rexurbe, en marcha desde o ano 2017, xa ten comprometidos na actualidade “máis de 31,5 millóns de euros” na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos cos que prevé obter 150 vivendas de promoción pública.