A provincia de Lugo volve acoller este ano parte da programación do Festival Atlántica de Narración Oral que celebra a súa décima edición. Nesta ocasión haberá espectáculos no Castelo de Castrodouro de Alfoz, nos xardíns da casa modernista Santa Emilia e en Alfar dos Muíños, ambos en Mondoñedo, e na casa da árbore de Chantada. Todas as funcións son gratuítas e son posibles grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concello de Alfoz e Mondoñedo e Esquina Atlántica.
A actividade comezará este venres, 1 de xullo, en Mondoñedo, onde Lois Pérez compartirá co público adulto as historias do seu espectáculo ‘Contaba morrer’. A función comezarás ás 21:30 horas nos xardíns da casa modernista Santa Emilia. Uns días máis tarde, o 9 de xullo, Felipe Díaz ‘Caxoto’ estará cos seus ‘Contos a pé de rúa’para toda a familia en Alfar dos Muíños, tamén no concello mindoniense e a partir das 20:30 horas.
No que respecta a Alfoz, están previstos dous espectáculos para adultos no Castelo de Castrodouro. O primeiro será o sábado 2 de xullo, ás 20:30 horas, cando Santi Prego e Jorge de Arcos levanten o pano do ‘Teatro máis pequeno do mundo’. Unha semana máis tarde, o 9 de xullo, será a quenda das ‘Lavandeiras’ de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, tamén ás 20:30 horas.
Tamén Chantada recuncará como sede do Festival Atlántica logo da boa acollida que tiveron o ano pasado os contos en barca tradicional. Regresa así Anxo Moure pero desta volta será cos ‘Contos na casa da árbore’ en Garabelos, parroquia de Mariz, a partir das 10 da mañá e en sesións a demanda ata ás 7 da tarde. Haberá historias do ‘Carballo con botas’ na copa dun castiñeiro acompañadas de proxeccións no Cinema Palleiriso do conto ‘Zapatiños de cartón’ en formato curtametraxe e protagonizado polos monicreques de Tarabelos.
ATLÁNTICA MULTISEDE
Pero alén da provincia de Lugo, a actividade do festival tamén estará noutros vinte concellos e rematará o 9 de xullo ata completar os 94 espectáculos previstos en toda Galicia. Deste xeito, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Santiago de Compostela, Teo, Padrón, Ferrol, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Paderne, Zas, ademais de Mondoñedo, Alfoz e Chantada. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e da América Latina.
+INFO: http://festivalatlantica.gal
KIT DE PRENSA FESTIVAL ATLÁNTICA: https://cutt.ly/Atlantica2022
FESTIVAL ATLÁNTICA | MONDOÑEDO, ALFOZ E CHANTADA
MONDOÑEDO*
DOMINGO 3 DE XULLO
‘Contaba morrer’ Lois Pérez (Galicia)
21.30 h | Xardíns da Casa Modernista Santa Emilia | Adultos | En galego
SÁBADO 9 DE XULLO
‘Contos a pé de rúa’ Felipe Díaz ‘Caxoto’ (Galicia)
20.30 h | Alfar dos Muíños | Publico familiar | En galego
ALFOZ*
SÁBADO 2 DE XULLO
‘O teatro máis pequeno do mundo’ Santi Prego e Jorge de Arcos (Galicia)
20.30 h | Castelo de Castrodouro (Alfoz) | Adultos | En galego
SÁBADO 9 DE XULLO
‘Lavandeiras’ Rilo & Penadique (Galicia)
20.30 h | Castelo de Castrodouro (Alfoz) | Adultos | En galego
CHANTADA*
SÁBADO 2 DE XULLO
‘Contos na casa da árbore’ Anxo Moure (Galicia)
10-19 h (sesións a demanda) | Garabelos, parroquia de Mariz | Infantil e familiar | En galego
*Programa suxeito a cambios. En caso de choiva, consultar as modificacións na web e/ou redes sociais