O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, recupera o ciclo de Carrozaría para o vindeiro curso.
O director do centro, Isidro Berdeal, explica que para o curso 2022-23 o CIFP Porta da Auga “ofrece ensinanzas das familias profesionais de Administración e Xestión, Edificación e Obra Civil, Electricidade e Electrónica, Servizos Socioculturais e Transporte e Mantemento de Vehículos, en ciclos básicos, medios e superiores en distintas modalidades: presencial, a distancia, ordinario, adultos, etcétera. Como novidade temos que salientar sobre todo o ciclo medio de Carrozaría, da familia de Transporte e Mantemento de Vehículos en modalidade ordinaria en horario de 08:30 a 15:00 horas, que recuperamos despois de 3 anos. Hai que destacar tamén o ciclo de Instalacións Eléctricas e Automáticas en modalidade Dural en colaboración con doce empresas do sector eléctrico da comarca”.
Isidro Berdeal engade que “estes ciclos de nova incorporación na oferta formativa para o vindeiro curso teñen moi boa acollida no sector produtivo pois temos continuamente chamadas de distintas empresas, tanto do sector eléctrico como do da automoción, que nos demandan traballadores porque non hai especialistas nestes sectores e encima teñen o problema xeracional porque moitas empresas estanse quedando con traballadores dunha idade xa próxima á xubilación e necesitan xente cualificada, preparada e formada para seguir desempeñando eses traballos. Polo tanto o ciclo de Instalacións Eléctricas e Automáticas en modalidade dual e o ciclo medio de Carrozaría teñen moi boa acollida por parte dos empresarios, son moi necesarios e a saída profesional está garantida”.
Para rematar o director do CIFP Porta da Auga comenta: “estamos no período de presentación de solicitudes, que remata o vindeiro 5 de xullo á unha do mediodía, polo que toda aquela persoa que estea interesada ten que presentar a solicitude a través dun aplicativo da Consellería, na páxina Ciclos Admisión, dentro do prazo. Despois sairán as listaxes provisionais de admitidos e a partir do día 19 de xullo teremos a listaxe definitiva e deberán formalizar a matrícula”.