O Concello de Cervo abrirá este venres, 1 de xullo, a piscina de Río Cobo. Así o anunciaron este xoves o alcalde Alfonso Villares, quen acompañado pola tenente-alcalde, Dolores García Caramés e polo edil de Deportes, David Rodríguez, supervisou os traballos de mantemento e acondicionamento que se levaron a cabo durante estes meses pasados para que a veciñanza poida desfrutar dela neste verán.
Coa apertura da piscina de Río Cobo, o Concello de Cervo incrementa a súa oferta de ocio de cara a unha tempada estival “con múltiples alternativas para desfrutar de Cervo e de todo canto pode ofrecer á veciñanza e ás persoas que nos visiten”. A instalación permanecerá aberta de luns a domingo, en horario de 15:00 a 20:00 horas.
Os traballos de acondicionamento da piscina veñen sumarse aos que recentemente se executaron no local social de Río Cobo, no que se procedeu á substitución da cuberta, e á instalación dun canalón perimetral e as baixantes necesarias para a correcta evacuación e funcionamento do mesmo. O orzamento da cuberta elevouse ata os 48.350 euros, financiados integramente polo remanente das arcas municipais.