O alcalde focego, Fran Cajoto, supervisou as obras de acondicionamento do estacionamento do cemiterio municipal de Foz, encargadas pola Deputación de Lugo a Tragsa xunto ás obras de perfilado e extensión de zahorra no estacionamento do colexio Fondo Nois por 37.000 euros.
Fran Cajoto agradece á Deputación “a colaboración fluída que existe co Concello de Foz. Queriamos completar o gran investimento que estamos a facer na urbanización completa de Costa de Castro froito do convenio que asinamos no seu día. Buscamos financiamento para o arranxo e pavimentación do estacionamento en Costa do Castro e xurdiu esta posibilidade, que se completou co arranxo do aparcamento en Fondo Nois”.
O rexedor municipal engade que “son obras moi necesarias, que se están a facer a pesar do intento de parálise que fixo o voceiro popular local, denunciando na xustiza a encarga que fixo a Deputación de Lugo a Tragsa. Seguimos avanzando”.
BALANCE MOI POSITIVO DAS FESTAS DO CARME
Ademais, Fran Cajoto, fai un balance moi positivo das Festas do Carme da vila, que define como “as máis tradicionais e sentidas, nun ano que está a ser realmente espectacular”.
O rexedor municipal destaca que “o verán en Foz está a ser xa un auténtico éxito, estamos rachando cifras de ocupación e de afluencia de visitantes. Moitas persoas que son asiduas da vila trasládannos o atractivo de Foz e saben o esforzo que estamos a facer, aínda que non é suficiente”.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca a recuperación da normalidade da programación, aínda que con cambios que chegaron para quedarse: “A misa solemne é o segundo ano que se oficia ao aire libre, en Conde de Fontao, e coido que, por imperativo popular, vai ser a norma. As rúas engalanáronse coma nunca, houbo moito público nos distintos concertos e en todas as verbenas. Hai moitas gañas de saír e relacionarse. Todo saíu moi ben, aínda que sempre anotamos pequenas cousas para corrixir en próximas edicións. Quédome coa gran satisfacción de ver á xente desfrutar”.
O alcalde agradece a todos os que fixeron posible co seu traballo esta gran celebración: a asociación O Noso Foz, persoal municipal e externo de montaxe, limpeza viaria e recollida de lixo, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, persoal técnico de toda índole, músicos, asociacións folclóricas e un largo etcétera. Sen esquecernos da Confraría da Virxe do Carme e de todas as veciñas e veciños que estiveron moitas semanas deseñando, preparando os materiais e confeccionando unhas alfombras que engalanaron coma nunca o noso pobo e que son un auténtico aceno de identidade de Foz. Como traballan todos xuntos os veciños da vila para adornala é digno de ver, de contar e de agradecer”.