Herminia Pernas Oroza, cronista oficial do Concello de Burela
Se esta foi produtiva supón necesariamente un cambio. O grupiño de moncloístas e afíns, acompañados polo alcalde da vila, non somos hoxe os mesmos que partimos da Estación de Autobuses de Burela a mañá do 14 de xullo camiño de Cataluña. Foi esta unha viaxe programada para o verán de 2020, pero quedou posposta por razóns que son de sobra coñecidas.
Tratábase de promocionar o noso “príncipe azul” en Montmeló ao tempo que coñecíamos a Terra dos Cucurny, avezados industriais cataláns propietarios de dúas fábricas de cerámica, unha nesta localidade barcelonesa (desde 1915) e outra en Burela (1908).
E así o fixemos o venres día 15. Ás seis en punto da tarde estabamos toda a comitiva diante do circuíto de Montmeló onde tivo lugar o acto. A xornada vespertina amosábase calorosa en extremo e o canto das cigarras víase interrompido polo zunido das motos que adestraban na pista.
Nunha tribuna á sombra e perfectamente engalanada para a ocasión principiou o noso cometido, que se caracterizou por unha camaradería moi agradable entre galegos e cataláns, e que tivo como pano de fondo dous grandes paneis en que se amosaban as dúas empresas Cucurny xunto coas mudanzas que sufriron ao longo do tempo.
Despois dos discursos de rigor que ofreceron as autoridades e representantes de ambas as dúas localidades, procedemos a degustar o noso túnido, cociñado de moitas e moi variadas formas, e acompañado de gorentosos viños elaborados con uvas orixinarias da zona de Montmeló. Ao mesmo tempo, sucedíanse as explicacións acerca do circuíto de velocidade mentres se facían gabanzas dos petiscos nunha grata mestura de galego e catalán. Só un convidado entre todos os que estabamos entendía as dúas linguas perfectamente e, ante a nosa sorpresa, afirmou que era galego aínda que nacera en Cataluña (Mollerussa). Trátase de Adrián Martínez Gené, fillo de Adrián, o Catalán, que traballara nas dúas fábricas, e chegara a Burela sendo un rapaz para axudar a levantar a nosa factoría; tanto e tan ben se integrara que unha vez xubilado, retornou para vivir entre nós, e aquí fica enterrado xunto coa súa muller.
Ao caer a tarde, tocou visita guiada á vila; primeiro ao espazo, agora convertido en gran praza pública, onde se conservan os restos máis senlleiros da antiga fábrica de gres; despois á igrexa, a mesma en que o día 12 de xullo de 1955 tocaron as campás a defunto, chorando a morte do industrial Leonardo Cucurny Sanmartí. O propio facía a nosa igrexa de Burela, dado que as dúas poboacións compartían unha mesma dor, o adeus a un home providencial; e como mostra do seu parentesco fican dúas rúas nos rueiros de ambas localidades: a rúa “Leandro Cucurny” en Burela e a “carrer Cucurny” en Montmeló. O paseo máis sentimental deixou paso ao institucional ao visitarmos as dependencias municipais e departirmos co alcalde e demais membros do consistorio. A velada rematou cunha cea que nos ofreceron os nosos anfitrións e na que puidemos degustar diversos produtos cataláns.
O día seguinte foi dedicado integramente á cidade de Barcelona. Aquí tivemos a oportunidade de visitar algúns dos espazos e monumentos máis significativos da capital catalá. Non debemos esquecer que con anterioridade xa nos achegaramos a algunhas localidades próximas e emblemáticas: Montserrat (e a Moreneta) e Manresa. Ben entrada a noite recollémonos ao noso lugar de parada e fonda, Santpedor, onde estivemos coma na casa e, por suposto, tamén deixamos a nosa pegada gastronómica.
Foron poucos días pero intensos; aproveitados máis que ao máximo, e contentos ata a saciedade. Agora agardamos pola prometida visita dos cataláns que, segundo o previsto, coincidirá coa celebración da nosa feira do bonito.