Achégase o período de recollida de plásticos agrícolas en Ribadeo. Así o vén de anunciar o alcalde en funcións, Pablo Vizoso, que fixou a través dun Bando o 12 de setembro como data de inicio para a recollida ‘porta a porta’ de plásticos agrícolas.
Segundo apuntan dende o Concello, as explotacións que necesiten este servizo deberán solicitalo antes do 9 de setembro chamando ao teléfono do Punto Limpo Municipal 664 00 09 32, dentro do seu horario, que é de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 18:30 horas e os sábados de 9:00 a 13:00 horas.
Pablo Vizoso subliñou no Bando que “esta recollida comezará o 12 de setembro e prolongarase os días que sexan necesarios para atender todos avisos de recollida recibidos”. Dende a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo agradecen a máxima colaboración e piden que, para que o servizo se preste nas condicións idóneas, “as explotacións que precisen a recollida procuren ter os plásticos en lugar adecuado e facilmente accesible para o camión da recollida”.