Mel San Gonzalo. Con este nome comercializa un veciño da parroquia focense de San Martiño, Antonio Pacio, mel da súa colleita que leva o nome dun dos grandes homes santos da Mariña, e que sengundo a lenda, consegiu vencer a unha flota viquinga. Precisamente, este luns recibiu a visita do alcalde de Foz, Fran Cajoto, e do concelleiro de Turismo e Comercio, Chema Linares.
O edil de Turismo destacou que os envases levan na etiqueta a imaxe da Basílica de San Martiñ, “o que supón outra vía de promoción desta catedral”. “Hai que apostar polos produtos de proximidade coma este, un mel que debería estar en todas as nosas mesas e nos establecementos hostaleiros polas boas propiedades que se lle atribúen. Desexámoslle moita sorte a este produtor focense”, engadiu.

Antonio Pacio apuntou que está na Asociación Galega de Apicultura e, como pequeno produtor, pode vender por proximidade. “É un mel natural cen por cen e a etiqueta que poñemos nos envases serve para promocionar este mel da terra e tamén San Martiño”, engadiu. Agora ten 15 colmeas nunha finca que preparou durante o confinamento pola pandemia. “Teño previsto esmelgar dentro dun mes ou un pouco antes, depende do tempo; calculo que a produción deste ano será duns 200 quilos aproximadamente”, concluíu.