Chega a segunda edición de SetembroXNatural, que ten como obxectivo ofrecer un destino vacacional tranquilo e con encanto en Ribadeo. A programación foi presentada polo concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, acompañado das edís de Obras e de Cultura, Mónica Freire e Pilar Otero, e pola técnica de Turismo, Begoña García.
Este programa ten como obxectivo ofrecer un “destino vacacional tranquilo e con encanto”, no que gozar de diversas propostas en fermosos entornos naturais como a ría de Ribadeo, a rasa costeira ou as praias, a través de distintas iniciativas coas que se pretende desestacionalizar o turismo e favorecer que a tempada alta se alongue.
Así, Pablo Vizoso explicou que, nesta liña, SetembroXNatural inclúe propostas tan diversas como arqueoloxía na ría de Ribadeo, XeoRutas con edicións especiais ou rutas na natureza, carreiras populares como a media maratón das Catedrais, exaltacións de produtos da horta co día do produto local e o FeltivalEo de alimentación sustentable.
“A través deste abano de actividades, que conxugan formación e ocio en contacto coa natureza, pretendemos facer do mes de setembro un tempo para tomar contacto coa natureza e ampliar os coñecementos sobre ela, dirixíndonos tanto para os/as ribadenses como para veciños da contorna e visitantes nacionais e internacionais”, sinalou.