A asociación Gaita Escola de Mondoñedo organiza este sábado 10 de setembro a “X Xuntanza de Cantos de Taberna”. O encontro terá lugar ás 20:00h e nel participarán doce grupos de diferentes puntos de Galicia que cantarán e tocarán polos diferentes bares e tabernas da vila.
Para este décimo aniversario de Cantos de Taberna, o grupo Treixadura estará en concerto ás 22:30h na Praza da Catedral para presentar o seu novo traballo, “Camiño Longo”. Como curiosidade, Treixadura celebra tamén o seu 30 aniversario. Con este novo disco Treixadura busca recuperar as melodias dos inicios do grupo.
Por outra parte, haberá unha foliada aberta na Praza do Concello a partir das doce da noite “onde todo o mundo ten cabida para tocar, bailar e gozar coa música tradicional”. A Asociacion Gaita Escola agradeceu á hostelería mindoniense a súa participación así como ao Concello de Mondoñedo e a Asociación O Pasatempo “para que todos os actos se poidan facer posibles”.
Estas actuacións enmárcanse nas festas patronais mindonienses na honra da Virxe dos Remedios para os días 10, 11 e 12 de setembro.