Foz Plataforma de Futuro (FPF) levará ao pleno unha moción para que desde o Concello se inste ao Ministerio de Fomento a dotar dun segundo acceso ao casco urbán focego no proxecto da autovía A-74.
O goberno someteu a información pública o pasado 4 de decembro o treito Barreiros-Foz, que inclúe un semienlace no Carme coa LU-152 e un enlace en Foz coa N-642.
O grupo independente lembra que no 2016 fixo fincapé na necesidade de dotar dun segundo acceso ao casco urbán, ademais do proxectado na antiga fábrica de Xeremías, na rotonda de Fazouro.
O voceiro de FPF, Luis Alfonso Sixto Legaspi, considera que a segunda entrada “podería servir de unión coas parroquias do interior do municipio, como Vilaronte, San Martiño, Santa Cecilia e San Acisclo“.
Sixto Legaspi engade que esta modificación satisfaría tamén unha petición dos alcaldes dos concellos do Valadouro e Alfoz.
AFASTAR A AUTOVÍA DE SAN MARTIÑO
A moción dos independentes tamén solicita “alonxar o máximo posible o trazado da A-74 da basílica de San Martiño de Mondoñedo, polo impacto que suporía para un monumento tan antigo e importante”.
Neste senso, o proxecto do Goberno central contempla a construción dun túnel artificial para minimizar os impactos visuais dos desmontes na conca da basílica de San Martiño de Mondoñedo.
AXILIZAR TRÁMITES
Finalmente, a proposta de FPF aspira a que o pleno focego inste ao Goberno a que “axilice os trámites” do comezo da obra da Autovía da Mariña entre Barreiros e San Cibrao, “para avanzar nunhas vías de comunicacións esquecidas durante anos e que os mariñaos non sexan veciños de terceira categoría“.