O Concello de Viveiro reforza a súa aposta pola promoción cultural cunha actuación de mellora da sala de exposicións da Biblioteca Municipal.
“Para o noso concello, a cultura é unha prioridade de goberno, con actividades e unha programación continua durante todo o ano e para todas as idades; agora melloramos este espazo expositivo, o que nos permitirá traer novas mostras nos próximos meses”, asegura a alcaldesa, María Loureiro, que hoxe visitou a sala coa concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
“Seguimos na liña de mellorar os espazos e instalacións municipais, que están a disposición de calquer veciño ou veciña para facer exposicións; esperamos que a nova sala sexa do agrado de todos”, explica a concelleira de Cultura.
Para a realización das obras, dende a Concellaría de Cultura solicitouse unha subvención á Xunta de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, que foi concedida e permitiu renovar esta sala, dotándoa de iluminación, colgadores e proxector.
Vaise facer unha inauguración desta sala o 17 de outubro, dentro do programa Superarte, cunha exposición de Xolo, artista residente en Adaoeman A Mariña.