O BNG de Ribadeo denuncia que a situación da sanidade pública tanto no Concello como no resto da Mariña “é calamitosa”. Ante esta situación, apuntan que “son moitas as persoas que demandan máis protestas” en referencia á concentración do 4 de agosto pasado diante do Centro de Saúde da vila.
Durante este verán en Ribadeo, sinalan, “houbo un momento en que no PAC había un médico para atender toda a área, que comprende tamén os concellos de Barreiros e Trabada, e os deprazados”.
Lembran tamén que as médicas de familia, “de 7 estiveron traballando moitos días só 2 e outras veces, 3 ou 4”. Engaden tamén que as “baixas médicas xa hai moito tempo que non se cubren; e as vacacións, tampouco. Tamén xa hai anos que non existe o reforzo no verán para as persoas desprazadas”.
Sinalan tamén que esta situación non é só de saúde senón que tamén é unha situación de índole laboral. Sen a atención sanitaria debida, moitas persoas pasan máis tempo do debido en situación de baixa laboral. Isto tradúcese nunha merma económica para esas persoas e un gasto para a Seguridade Social.
No comunicado que enviaron aos medios, os nacionalistas demanda a mellora da situación laboral de traballadores e traballadoras da sanidade. Piden máis formación, a non extensión do horario laboral máis alá das horas estipuladas e incrementar o cadro de persoal.
Por ultimo, convocaron para o día 27 deste mes unha mesa para a recollida de sinaturas a prol da Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da Atención Primaria e da súa mellora. Será diante do centro de saúde ribadense.