A Fundación Expomar participa na “Feira Expomar de Cabo Verde” dentro do stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia para afianzar lazos comerciais.
A “Feira Expomar de Cabo Verde” está tendo lugar en Porto de Mindelo, nas instalacións de Enapor, na illa de São Vicente en Cabo Verde, entre o 29 de setembro e o 1 de outubro. A novena edición da ‘Feira das Actividades Económicas Ligadas ao Mar’ conta con 50 stands de expositores internacionais onde se celebrarán diferentes encontros de negocios.
A Fundación Expomar está presente dentro da misión comercial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, que participa cun expositor de 36 metros cadrados que acolle tamén a outras oito entidades galegas relacionadas coa área marítimo-pesqueira, co obxectivo de afianzar lazos comerciais no ámbito pesqueiro.
O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, aproveita esta estancia en Cabo Verde para promocionar a próxima edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar, que se celebrará no porto de Burela do 10 ao 13 de maio de 2023.
Esta visita tamén serve para reforzar aínda máis os contactos que a entidade de Burela ten coa delegación caboverdiana desde hai anos, reuníndose con diferentes autoridades locais, como Gil Costa, secretario xeral da Cámara de Comercio do Norte de Cabo Verde; Angélica Fortes, administradora delegada da Feira Internacional de Cabo Verde – Fic; ou Jorge Santos, ministro das Comunidades de Cabo Verde.
A delegación caboverdiana xa confirmou a súa presenza na vindeira edición da Feira Expomar 2023 en Burela, na que tamén intentará estar presente Mauricio Castro, presidente da Cámara de Comercio de Barlovento, que no ano 2020 xa visitara Burela e que enviou saúdos para o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano.
Durante estas xornadas o xerente da Fundación Expomar tamén visitou a Conferencia Internacional de Turismo Náutico na Macoronesia, acompañando a Marta Villaverde, subdirectora xeral de mercados de pesca da Consellería do Mar, e Odile Lueiro, xefa de servizo de promoción de comercio exterior da Cámara de Comercio A Coruña. Asimesmo xunto con Marta Villaverde tamén visitou a fábrica de palangres que a empresa galega “A Poutada” ten en Mindelo.