A familia ucraína chegada a Ribadeo a principios do pasado mes de maio volveu ao seu país. A parella acolledora agradece o apoio recibido.
A nai ucraína xunto a seis nenas e nenos con idades comprendidas entre os 2 e os 14 anos chegaran a Ribadeo o pasado mes de maio fuxindo da guerra no seu país. Na localidade pasaron máis de catro meses compartindo casa coa familia ribadense acolledora. As pequenas e pequenos foron escolarizados no Ceip Gregorio Sanz e na Escola Infantil de Ribadeo, centros aos que acudiron ata o remate do curso pasado.
Hai unhas semanas que esta nova nai decidiu emprender o camiño de regreso ao seu país xunto a catro dos nenos. Os maiores quedaron en España coas familias coas que, antes da pandemia, compartían os veráns e o Nadal. Unha das nenas está en Ribadeo, onde tamén reside outra irmá desde o pasado mes de agosto, e un neno está en Palma de Mallorca.
A familia acolledora de Ribadeo quere agradecer “toda a axuda e o apoio recibido ao longo destes meses por parte de persoas a título individual, de amigas e amigos, de institucións, de establecementos comerciais e hostaleiros, así como de Acisa. Sen todos eles sería moi difícil o acollemento desta familia ucraína. Queremos dar as grazas a todas e cada unha das persoas que se sumaron a esta causa”.