- Advertisement -
Diversas entidades ecoloxistas pídenlle ao Ministerio de Transición Ecolóxica que non acepte máis proxectos de eólicos mariños. E é que, malia a que en xuño de 2021 o Estado aprobou unha moratoria para a admisión a trámite de novos parques eólicos mariños, outra instalación, “Galwind”, de 1000 MW, entre as provincias de Lugo e A Coruña, que vén de iniciar o seu percorrido administrativo.
Para evitar unha avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvento racional do sector eólico no mar, aínda pendente de ordenamento, diversas organizacións participantes na “Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España”, entre elas Adega, solicitaron ao Ministerio unha moratoria mentres non se aprobe o POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) así como un regulamento propio para a produción de electricidade no mar.
O Estado accedeu no verán de 2021 a introducir, através dunha norma sobre a fiscalidade enerxética e da auga, o “Real Decreto-ley 12/2021, de 24 de junio, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito de la fiscalidad energética y en materia de generación de energía, y sobre gestión del canon de regulación y de la tarifa de utilización del agua”.
Dende a entrada en vigor deste real decreto lei, e até a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo das instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, non se admitirán novas solicitudes de superficie de reserva de instalacións de xeración eólica mariña. Tampouco se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa de instalacións de xeración eólica mariña ao abeiro do disposto no artigo 32 do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.
DOUS PARQUES ADMITIDOS
Porén, dende aquela iniciaron a tramitación administrativa cando menos dous parques eólicos mariños, o “Nordés”, de 1200 MW e agora o “Galwind” de 1000 MW, ambos os dous na fase de consultas previas para a elaboración do documento de alcance. As promotoras seguen a enviar á administración os seus proxectos para, segundo critican os ecoloxistas, “ir adiantando trámites en contra desta moradoria decretada en xuño de 2021, nun exercicio de filibusterismo eólico que conta coa comenencia administrativa”.
“E isto é o verdadeiramente grave: que o Estado, contravindo a súa propia norma, está a comprometer tempo e recursos públicos en tramitar os documentos de alcance destes proxectos, en troques de presentar xa unha planificación e aprobar as normas precisas para o desenvolvemento sustentábel do sector”, critica Adega nun comunicado no que pide que se desbote a tramitación destes proxectos.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.