A Área de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo do Concello organiza o XIX Mercado de Nadal de Ribadeo, que terá lugar os días 7, 8, 9, 10 e 11 de decembro no parque de San Francisco. O prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 11 de novembro.
Pablo Vizoso explicou que “o Mercado de Nadal de Ribadeo, que xa vai pola XIX edición é un espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e co deseño, ademais dun escaparate para dar a coñecer o seu traballo e talento creativo e innovador, pola gran cantidade de xente que se achega a visitalo e que converte a Ribadeo en referente da zona nesas datas previas ás festas de Nadal”.
O Concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo indicou que “serán un total de 25 casetas as que se colocarán nas inmediacións do parque San Francisco, nas que se poderá atopar artesanía, gastronomía e deseño, onde se primarán as creacións de proximidade e se valorará a orixinalidade e a sostibilidade”.
Vizoso Galdo engadiu que “o prazo de inscrición está aberto ata o día 11 de novembro e as solicitudes deben facerse ou ben por sede electrónica ou de xeito presencial a través do rexistro do Concello. As bases poden consultarse na páxina web do concello. E as persoas interesadas en obter máis información poden solicitala no correo electrónico da Área de Desenvolvemento Local adl@ribadeo.org ou a través do seguinte número de teléfono 982 128 650”.