A edil de Medio Ambiente de Cervo, Mali Méndez, participou na actividade de repoboación con árbores autóctonas no monte das Quintas. Este traballo desenvolveuse nunha parcela de 2,3 hectáreas situada nas inmediacións da depuradora de Cervo
A iniciativa, impulsada pola asociación A Rebolaxe, complementa o proxecto integral de reforestación que desde hai máis de 12 anos promove a Administración local que inclúe xa máis de 25 hectáreas de monte municipal e comunal
Méndez felicitou a asociación A Rebolaxe pola iniciativa que nos permitiu desfrutar dunha xornada de traballo e convivencia “moi enriquecedora en todos os niveis” e que vai en consonancia coa filosofía que persegue o Concello de Cervo xa que “a plantación de árbores autóctonas forma parte da nosa política forestal dende o primeiro momento”. De feito –engade- levamos plantadas máis de 10.000 árbores produtivas en parcelas públicas; e seguiremos a traballar nesta mesma liña “co obxectivo de deixarlles ás xeracións vindeiras un legado baseado nos bosques autóctonos, non tan habituais a día de hoxe, e amosarlles que poden chegar a converterse, incluso, nun medio de vida no futuro”.