O Pescados Rubén Burela FS mantén o liderado da Segunda División despois de gañar ao Elche (4-2).
O cadro burelés segue sen coñecer a derrota -suma dez vitorias e catro empates- despois de 14 xornadas disputadas, a unha soa do final da primeira volta.
O equipo que prepara Juanma Marrube conserva a vantaxe de dous puntos sobre o Betis, segundo clasificado, que deu unha mostra de forza ao golear (5-1) ao filial do Barcelona Lassa.
No derradeiro partido na casa en 2018, o conxunto laranxa tivo dificultades para abrir o marcador ante un rival serio e que tivo no porteiro Kike a un dos seus mellores valores.
No minuto 19, Matamoros disparou ao pau e poucos segundos despois, xa na conta atrás para o descanso, Hélder premiou a insistencia dos locais.
Lucho aumentou a renda do conxunto local á volta do descanso, cun tanto ao que Paco Morillas contestou no minuto 29. A resposta dos bureleses foi rápida: no 33, Ramón Vargas puxo de novo dous goles de diferenza no marcador.
Pero o Burela aínda tivo que sufrir para amarrar os tres puntos. Carlos Sánchez optou polo xogo de cinco e Juanito acadou o 3-2 a dous minutos para o desenlace.
O propio Juanito perdoou o 3-3 e aí morreron as opcións do cadro visitante. Matamoros gozou dun dobre penalti trala sexta falta do cadro ilicitano e sentenciou o encontro.
VINDEIRA XORNADA
O sábado 22, o Burela medirase ao Barça B no pavillón da Ciudad Deportiva Joan Gamper, desde as 16.00 horas.