O Concello de Viveiro estará presente, do luns ao mércores da próxima semana, na maior feira turística do mundo: a World Travel Market, que se celebra en Londres. A concelleira de Turismo, Marisol Rey Yañez, representará á vila lucense nunha oportunidade única para o sector turístico vivairense. O evento supón unha oportunidade excepcional onde intercambiar experiencias e amosar os recursos turísticos de Viveiro e do resto da comarca da Mariña, entre eles o Camiño do Mar e a Semana Santa de Viveiro, declarada de interese turístico internacional.
O recinto Excel acolle entre o 7 e o 9 de novembro á industria turística mundial co obxectivo tamén, por parte da representación do Concello de Viveiro, de tomar o pulso ás tendencias e perspectivas do Reino Unido neste sector.
O World Travel Market presenta varios destinos e sectores da industria ante un público especializado de profesionais de viaxes no Reino Unido e no mundo. “É unha das feiras máis importantes e estarán presentes varias autoridades, entre elas prevese a presencia nesta cita de Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo de España”, suliña Marisol Rey.
A concelleira de Turismo viaxa a Londres cunha axenda repleta de reunións tanto con turoperadores como con axencias de viaxes, cos que manterá contactos que sen dúbida servirán para dar aínda más pulo a un sector turístico sempre en auxe en Viveiro.